O PP pide incorporar o segundo tramo da senda fluvial de Baredo á “Ruta Fluvial e Litoral”

O PP de Baiona presenta unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación municipal instando o goberno local de PSdeG, Nós e BNG que inclúa o segundo tramo da senda fluvial en Baredo, recentemente finalizado, no roteiro das sendas municipais posto en marcha polo anterior goberno local e denominada “Ruta Fluvial e Litoral”, co fin de axuntar todas as sendas mapeadas con que conta o municipio de Baiona.

O roteiro xa inclúe tanto a primeira fase da senda fluvial de Baíña como a de Baredo, esta última de 800 metros de lonxitude. Por tanto, a petición dos populares no pleno da próxima semana demanda ao tripartito que realice unha pequena modificación no trazado deste viario peonil de Baredo para que some os novos 500 metros e os usuarios da “Ruta Fluvial e Litoral” teñan coñecemento deste novo tramo e poidan gozar dun total de 12 quilómetros polo litoral e zonas fluviais baionesas.

A creación deste segundo tramo da senda de Baredo formou parte da política de recuperación das contornas naturais levada a cabo polo anterior goberno popular e para iso lograron financiamento a través do Plan Concellos 2018-2019. Unha vez finalizadas estas obras, o grupo municipal do PP está convencido de que o seguinte paso é a incorporación deste tramo ao mapa de roteiros municipal. “Agora máis que nunca hai que apostar polos espazos abertos e naturais, localizalos e sinalizalos correctamente”, aseveran os populares.

O plan de rehabilitación impulsado polo PP de Baiona xa arrancou en 2006 cando se finalizou a primeira senda fluvial do municipio na parroquia de Baredo, a denominada “senda fluvial dos muíños do río Fraga ou regato das tres Regueiras”. Este viario peonil converteuse en todo un reclamo turístico e dado o seu éxito, en 2015 a Xunta creou o proxecto “Baiona en ruta”, no que se incluía a recuperación do roteiro dos petróglifos e dúas novas sendas, a do Camiño Portugués pola Costa e a Ruta Fluvial e Litoral na que está incluída a de Baredo.