Nigrán promove a recollida de plásticos nas praias a cambio de sementes florais

O Concello de Nigrán mantén a súa aposta pola concienciación cidadá mediante unha novidosa campaña que busca que os paseos da veciñanza pola praia resulten saudables tamén desde o punto de vista medioambiental. Baixo o lema “Plántalle cara aos plásticos” Concello e a asociación ecoloxista “Amigos da Terra” invitan a que os conviventes se auto-organicen para recoller lixo nos distintos areais do municipio. A acción será recoñecida premiando a cada grupo cun diploma de “Familia Concienciadora”, unha guía de aves do ecosistema dunar Praia América-Panxón e un paquete de sementes florais atraentes de insectos polinizadores, claves para a supervivencia do planeta. Os interesados en participar tan só teñen que descargar unha ficha da web http://www.nigran.org e cubrila durante a limpeza, facer unha foto de grupo co lixo obtido e enviar os dous documentos a comunicacion@nigran.org. O Concello instalou cadanseu “peixe tragaplásticos” en Praia América e Patos para depositar aí o lixo e facer máis visible a campaña, pero resulta igualmente conveniente que os participantes o tiren en contedores separativos.

“Ao non poder facer xornadas grupais de limpeza como as que facíamos antes da pandemia, invitamos a que as familias se auto-organicen elas mesmas cun fin educativo, mediambiental e exemplarizante. O premio beneficia dobremente ao planeta ao protexer insectos como as nosas abellas, ameazadas pola velutina”, explica o alcalde, Juan González, quen entende esta campaña tamén como unha alternativa de ocio seguro que xa practican desde hai anos veciñas como Raquel Melero, unha verdadeira “activista” das recollidas por conta propia. “Nigrán ten moitas opcións, pasear pola praia no inverno é unha delas, ningún peche perimetral o impide e resulta beneficioso desde todos os puntos de vista, se lle engadimos esta proposta sumamos ademais unha contribución á sostibilidade do noso planeta”, resume González.

“Levo anos recollendo lixo voluntariamente, mesmo cos meus fillos, paseo polos areais sempre cunha bolsa na man porque sei que estou a facer algo positivo para o noso medio ambiente e porque son consciente de que dou exemplo ante quen doutro xeito non consideraría recoller a súa cabicha ou botella”, indica Raquel Melero, quen incide en que unha soa cabicha contamina ata 50 litros de auga.

Desde Amigos da Terra, o seu voceiro Antón Lois destaca o positivo que resulta para a biodiversidade que se planten sementes florais atraentes de insectos polinizadores ante o colapso mundial dos mesmos. “Os insectos están diminuíndo en todo o mundo debido a agricultura industrial e ao uso intensivo de pesticidas que ameazan a produción de alimentos. Eles manteñen en funcionamento o sistema ecolóxico do planeta e aseguran a nosa subministración de alimentos: o 75% dos nosos cultivos máis importantes dependen da polinización por insectos”, indica Antón Lois, quen subliña que o 90% da produción dun campo de froiteiras procede dos servizos dos insectos polinizadores. “Si non lles protexemos, perdemos a base da vida”, finaliza. “Neste sentido, pomos tamén un gran de area máis na loita contra a velutina en Nigrán fornecendo as nosas abellas de máis flores das que extraer néctar e, con elo, potenciamos a polinización”, destaca o alcalde.