As SUPER SERIES chegarán a Baiona en 2022

52 SUPER SERIES Zadar Royal Cup 2018

As SUPER SERIES chegarán finalmente a Baiona en 2022. A organización do circuíto, un dos tres eventos náuticos máis importantes do mundo, decidiu cancelar todas as regatas previstas para o inicio da tempada de 2021, entre elas as que se ían a celebrar en Galicia.

A situación derivada do COVID19, as numerosas restricións que aínda seguen vixentes en numerosos puntos e os grandes esforzos necesarios para garantir un evento seguro no medio da pandemia están detrás dunha decisión que desde o Monte Real Club de Yates, que ía ser sede do evento o próximo mes de xuño, lamentan enormemente.

O presidente do histórico club baionés, José Luis Álvarez, dixo que é unha pena non poder contar con este prestixioso circuíto este ano en Galicia, pero confía -dixo- en que a situación do COVID mellore nos próximos meses e permita a celebración da BAIONA SAILING WEEK en 2022.

Álvarez dixo entender as circunstancias que levaron á organización a tomar esta decisión e transmitiu aos organizadores o compromiso do club co circuíto. “En 2022 -dixo o presidente do Monte Real- estaremos máis preparados que nunca para recibir ás SUPER SERIES e será unha edición igualmente especial, xa que coincidirá co Xacobeo prorrogado polo COVID ata o ano que vén”.

De alto rendemento e gran prestixio internacional, as 52 SUPER SERIES son un dos tres eventos náuticos máis importantes do mundo, xunto coa Copa América e a Volta ao mundo de vela. Están consideradas como a “Fórmula 1 do mar” e a súa repercusión alcanza cifras de ata dous millóns de euros de investimento en empresas e servizos locais. A organización de cada unha das etapas implica o movemento dunhas 500 persoas, ata 12 megaiates e numerosos barcos de apoio.

“A suspensión das regatas de Saint Tropez, Baiona e Cascais foi unha decisión moi difícil de tomar, pero o circuíto atrae a equipos de todo o mundo e aínda non hai a suficiente certeza para asegurar un evento seguro e competitivo. Nesta situación tan cambiante é a nosa obrigación minimizar os posibles riscos e con este novo plan, minimízanse as viaxes e o transporte e asegurámonos unha maior seguridade”, dixo o CEO das 52 SUPER SERIES, Agustín Zulueta.