O Vigo-Rías Baixas arranca a tempada este domingo

A conta atrás para o inicio da tempada 2021 no ciclismo Elite-Sub23 chega ao seu fin. Este domingo dispútase o Memorial Juan Manuel Santiesteban en Colindres (Cantabria) e o Vigo-Rías Baixas non se perderá a primeira proba puntuable para o calendario da Real Federación Española de Ciclismo. A estrutura presidida por José Luis Chamorro desprazarase ata terras cántabras desde Vigo, onde os corredores flúor están a realizar unha concentración de tres días.

Este stage, de menor duración que outros anos debido á pandemia, serve como pistoletazo de saída do novo curso para o persoal que dirixe Marcos Serrano. O Vigo-Rías Baixas instalou o seu cuartel xeral no Hotel Coia e ata alí achegouse este xoves Gorka Gómez, en representación da Deputación de Pontevedra.

O deputado provincial de Deportes tivo a oportunidade de coñecer aos novos integrantes do club e, á súa vez, o xerente da formación olívica, Gerardo Chamorro, agradeceulle o compromiso da Deputación de Pontevedra con este proxecto que cumpre a súa novena tempada na categoría Elite-Sub23. Nun contexto económico tan delicado como o actual, a institución provincial foi a primeira en habilitar recursos destinados aos equipos que compiten a nivel estatal.

Ao longo destas tres xornadas, a axenda do Vigo-Rías Baixas combinará actos institucionais e adestramentos polas estradas do sur da provincia de Pontevedra. Despois de meses de preparación individual, os pupilos de Serrano rodarán por primeira vez en grupo. Unha convivencia para afinar o estado de forma, axustar a planificación da tempada e estrear as súas novas bicicletas Ridley, así como o resto do material.

SETE FICHAXES. O cadro de corredores compóñeno esta campaña dezasete ciclistas. Benjamín Prades e Miguel Ángel Fernández, procedentes do campo profesional, encabezan a nómina de sete fichaxes. Ander del Castaño, Álvaro Carasa, Ángel Maneiro, Diego Méntrida e Max Williamson son as outras cinco incorporacións, mentres que Jorge Fernández e André Taboada promocionaron desde o equipo júnior.

A Copa de España e as voltas por etapas aparecen como grandes obxectivos do Vigo-Rías Baixas nun calendario con moitas carreiras pendentes da evolución sanitaria para confirmar a súa celebración.