O alcalde de Nigrán recibe a persoal de “A Galiña Azul” en folga pola fixeza dos seus postos de traballo

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu esta mañá a dúas traballadoras de “A Galiña Azul” da localidade en folga pola fixeza dos seus postos de traballo ante a convocatoria da Oferta Pública de Emprego do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, entidade dependente da Xunta de Galicia. O persoal temporal mantén desde o 18 de febreiro unha folga indefinida cada xoves convocada pola CNT e a Asociatem para defender os seus postos de traballo ante o que consideran unha convocatoria inxusta que non respecta os seu anos de temporalidade.

“O sorprendente é que o Concello de Nigrán aporta 100.000 € anuais ao Consorcio para o mantemento desta Escola Infantil e non recibiu por parte da Xunta ningún tipo de información sobre este conflito laboral nin argumentación algunha pola súa banda. Foron as propias traballadoras as que se dirixiron an nos”, considera o alcalde, quen, en todo caso, rexeita o alto índice de temporalidade desde a creación das “galiñas”.

“Moitas de nós levamos máis de 10 anos como interinas ou indefinidas nunhas prazas que agora o Consorcio quere sacar a oposición. Levamos máis dunha década defendendo o noso posto de traballo con coñecemento, non deixando de aprender e atendendo/coidando das crianzas e familias. Moitas creamos as nosas vidas ao redor da escola, fora do noso ámbito familiar, unha vida que agora se pode ver truncada por unha oposición que non pode vir no peor momento, en época de pandemia e cando seguimos a traballar en primeira liña. Non pedimos que nos regalen as prazas, queremos que se valore o noso traballo e chegar a un acordo có Consorcio”, salientaron Tania e María, traballadoras de A Galiña de Nigrán, ante o rexedor.