Nigrán solicita cambios nos horarios das liñas do interior para beneficiar aos pacientes dos centros de saúde

O Concello de Nigrán trasladou oficialmente á Dirección Xeral de Mobilidade a súa petición de cambiar certos horarios das liñas do interior co fin de beneficiar aos pacientes dos centros de saúde de Panxón e A Xunqueira. Tanto na liña circular como na de Chandebrito-Nigrán o goberno local pide que a saída se adiante como mínimo ás 8:00 horas, xa que actualmente comeza ás 9:00 e impide chegar a tempo para cuestións habituais como as analíticas.

“O Concello formulou alegacións cando a Xunta presentou o Plan de Transporte, algunhas foron aceptadas e outras non, agora que xa está adxudicado a Lugove facemos estas aportacións que nos trasladan os propios veciños co fin de mellorar o servizo dun xeito sinxelo”, sinala o alcalde, Juan González.

En concreto, solicítase este adianto na liña circular que pasa polas parroquias do interior, así como a posibilidade de establecer a ruta no sentido inverso, co que facilitaría non só as xestións médicas, se non todo tipo de recados no centro da localidade. Na liña Chandebrito-Nigrán, que tamén pasa por Camos e Nigrán, pídese o cambio para que os veciños desta parroquia poidan chegar ao Centro Médico de Panxón ás 8:30 e, igualmente, o Concello considera máis efectivo poñer o regreso desde Panxón ás 10:30 e non 12:00 (a maioría dos veciños de Chandebrito son usuarios deste ambulatorio, polo que esta liña lles resulta especialmente interesante para este fin).

Paralelamente, o Concello solicitou á concesionaria Lugove unha maior divulgación dos horarios, especialmente as rutas singulares que, non sendo pensadas para Nigrán, atravesan a localidade. É o caso da liña á Universidade de Vigo desde A Guarda, que pasa por Camos e Nigrán.

Finalmente, o Concello corroborou novamente coa empresa que o 100% da flota será renovada por vehículos a estrear en tres meses, cando os reciban, e o 100% da liña Baiona-Vigo que pasa por Nigrán será de plataforma baixa. Como xa anunciaron, contarán cunha aplicación móbil especialmente pensada para persoas con discapacidade (Navilens) que funciona en cidades como New York, accesible para persoas cegas, e que ofrece información xeolocalizada das paradas.