Povisa pon en marcha un proxecto piloto de rehabilitación en remoto con realidade virtual

O hospital Povisa desenvolverá un proxecto piloto xunto á startup Trak para a rehabilitación e o seguimento en remoto, en tempo real e mediante Intelixencia Artificial, de pacientes con patoloxías musculoesqueléticas.

O proxecto baséase nunha aplicación e un software de tele rehabilitación e seguimento que, mediante Intelixencia Artificial, asiste e guía ao paciente para unha mellor recuperación das súas lesións musculoesqueléticas. A tecnoloxía, accesible desde calquera dispositivo móbil, analiza os movementos corporais do paciente en tempo real, identifica posturas e movementos incorrectos e monitora os resultados sobre a base dun plan de rehabilitación previo deseñado por médicos rehabilitadores e fisioterapeutas do grupo Ribera. Desenvolverase con pacientes de Povisa e do hospital Universitario de Vinalopó, ambos os dous do grupo Ribera, para tratar en remoto as lesións musculoesqueléticas, que afectan ao 60 por cento da poboación.

“A circunstancia extraordinaria que experimentamos o ano pasado, confinando á poboación e interrompendo o tratamento rehabilitador de centos de pacientes, precipitou a procura de solucións para evitar efectos nocivos irreversibles en todos eles. A creación de vídeos en tempo récord foi nosa proposta”, explicou Miguel Ángel López Vázquez, xefe de servizo de Medicina Física e Rehabilitación de Povisa.

Durante as semanas de confinamento pola pandemia de Covid-19, o equipo do Dr. López elaborou preto dun centenar de titoriais co obxectivo de que os pacientes puidesen continuar cos exercicios de recuperación desde casa, ante a imposibilidade de acudir ao ximnasio do hospital. Os vídeos convertéronse en todo un fenómeno en Youtube e, en menos dun ano, acumulan 2,6 millóns de visualizacións.

Agora, a nova aplicación de Trak ofrece unha nova posibilidade tras este pioneiro proxecto xurdido en Povisa. “Indubidablemente, o desenvolvemento específico de aplicacións de rehabilitación supón un paso adiante pois permitirá deseñar programas de adestramento individualizados, onde a distancia ou o peche dunha sala de fisioterapia deixen de supoñer un grave prexuízo para moitos pacientes”, subliñou o Dr. López.

Trak é unha das dúas novas startups que apadriña Ribeira dentro do programa Corporate de Lanzadera, para fomentar a innovación no ámbito sanitario. Con ela, son xa sete as startups coas que traballa o grupo sanitario para transformar a asistencia a pacientes nos seus centros sanitarios.