Nigrán aproba ampliar as axudas ao sector hostaleiro

O goberno de Nigrán aprobou por unanimidade unha moción para ampliar o criterio das axudas municipais ao sector hostaleiro para que inclúa tamén como beneficiarios aos autónomos empadroados no municipio pero con negocio fóra da localidade e viceversa (autónomos non empadroados en Nigrán pero con negocio no municipio). Igualmente, no sector do taxi contémplase tamén como beneficiarios a aqueles empadroados en Nigrán e con licenza do propio Concello independentemente de onde teña o domicilio fiscal o vehículo. Unha vez esta resolución sexa publicada no BOPP, o Concello abrirá un prazo de 10 días para recibir solicitudes, resolvéndose todas á vez (as da primeira convocatoria e estas).

“Unha vez aprobadas as bases, démonos conta de que había estes casos puntuais que non queremos que queden fóra porque sería inxusto, o obxectivo é que poidan seguir abertos unha vez a situación pase para que sigan xerando riqueza no pobo”, explicou o alcalde, Juan González, en referencia á primeira liña de axudas aberta polo Concello e á que destina 120.000 € do remanente de Tesourería para establecer subvencións directas de entre 1.115 € e 1.080 € aos autónomos do sector e 750 € aos desempregados sen ningún tipo de prestación, sendo Nigrán a primeira administración en ter en conta a situación das persoas contratadas por conta allea. Tal e como avanzou o rexedor, o goberno local ultima un novo plan de rescate ante a persistencia das restricións sanitarias que limitan directamente o traballo do sector.

Neste sentido, o goberno de Nigrán aprobou unha emenda á moción do PP para reclamar á Xunta que destine ao fondo de cooperación Covid-19 a cantidade proporcional do 1,5% do seu orzamento, tal e como xa fixo a Deputación de Pontevedra, para engadir ás axudas municipais a hostalaría e o taxi. “O PP pretendía coa súa moción que lle outorgásemos á Xunta os nosos cartos para que eles o distribuísen, de ningún xeito o contemplamos; non entendo a persistencia do portavoz do PP de traer a este pleno cuestións que só defenden os intereses da Xunta, nos os dos veciños”, recriminou González.

Bonificación do IBI

O Concello de Nigrán aprobou como cada ano a declaración de “entidade de utilidade municipal” ás asociacións veciñais e culturais da localidade que anualmente o solicitan (Centro Cultural As Angustias, A.V.A Camoesa, A.V. A Unión, O Torreiro de Priegue, Bolos da Carrasca, O Castro de Chandebrito…), o que implica unha rebaixa media no seu recibo anual de preto de 1.300 euros. Esta bonificación cadra nun intre especialmente duro para as entidades, xa que actualmente manteñen as instalacións pechadas por decreto da Xunta. Esta bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles e a máxima permitida por lei e foi aprobada polo goberno de Nigrán no 2016.