O PP de Nigrán lamenta que o Concello non colabore coa Xunta para que a axuda chegue rapidamente aos afectados

O PP de Nigrán lamenta que o Alcalde do PSOE tombase a moción que presentaron para que fose a Xunta a que xestionase o 2º plan de axudas do Concello. “A proposta de axudas de Nigrán céntrase na hostalería, simplemente porque lles foron a protestar, ignorando lamentablemente que hai máis sectores prexudicados, sectores como os ximnasios, axencias de viaxe, lecer nocturno, feiras, lecer infantil, artistas… que se viron seriamente prexudicados quedan fóra das axudas, por non citar os escasos 70€ que ofrecen aos taxistas”.

A Xunta xa puxo en marcha o 2º plan dotado con 75 millóns de euros para estas liñas de axudas na que se dá cobertura a todos os sectores afectados e especialmente aos que tiveron que pechar polas restricións, e prevese que en 2/3 semanas xa se empecen a pagar as primeiras axudas deste 2º plan. “Este segundo plan simplifica aínda máis a tramitación e permite mesmo que o solicitante teña débedas con institucións, algo extraordinario que se permitiu só nesta ocasión”.

A proposta da Xunta aos Concellos consiste en facilitar a tramitación e pago das axudas cos importes achegados por cada Concello, de forma que as achegas de cada Concello serían só para os solicitantes dá cada un deles. “O obxectivo é reducir a carga organizativa, lexislativa e administrativa de tramitación das axudas que supoñerá para os Concellos, do mesmo xeito que se fixo coa tramitación das denuncias por incumprimento das restricións impostas pola pandemia, e desta maneira permitir que os solicitantes das axudas reciban o diñeiro canto antes, algo que xa demostrou a Xunta que é posible en poucos días, coa tramitación en tempo récord da primeira convocatoria”.

Segundo os populares, para o Concello de Nigrán supoñería unha clara vantaxe, xa que bastaba con achegar os fondos e a Xunta procedería a tramitar rapidamente as axudas deses fondos exclusivamente aos solicitantes de Nigrán, “polo que non apreciabamos máis que beneficios na proposta”. Con todo, o Sr. Alcalde do PSOE, prefire que os solicitantes esperen a que se tramite polo Concello, o que supoñerá meses de demora, e segue ignorando a outros sectores afectados, algo que desde logo non é o que demandan os afectados en Nigrán… esperamos que os cidadáns tomen boa nota do que de verdade lle importan ao Sr. Alcalde do PSOE”.