Baixo observación o río Miñor tras superar os limiares establecidos

Os sistemas de control e seguimento indican que o crecemento nos ríos Miñor en Gondomar, o Támega en Rabal e Castrelo do Val e o Arnoia ao seu paso por Baños de Molgas superaron os limiares polo que cabe agardar enchentes puntuais e posibles desbordamentos.

De feito, este mediodía, a Garda Civil solicitaba medios ao 112 Galicia para sinalizar o corte dunha estrada local nesta vila, debido á crecida do río Arnoia ao seu paso por Baños de Molgas. Os Bombeiros de San Cibrao das Viñas e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, atópanse traballando no punto.

Por iso, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Inungal ante a posibilidade de producirse desbordamentos puntuais. O 112 Galicia, co fin de adoptar as medidas de protección necesarias, informou aos servizos de emerxencias das zonas.