O mercado de venda ambulante retoma a súa actividade en Gondomar

Ante o descenso de casos de COVID 19 confirmados no concello de Gondomar e o abandono do nivel de alerta vermella no municipio, o goberno local decidiu, a través da súa Concellería de Comercio, retomar a actividade do mercado ambulante o vindeiro martes 23 de febreiro, sempre vixiando e garantindo o cumprimento das normas establecidas na actualidade pola normativa sanitaria marcada pola Xunta de Galicia.

Así o martes que vén, entre as 09:30 e 13:00 horas, os 36 postos con licenza vixente actualmente regresarán a ocupar o seu lugar no paseo de As Cercas, onde a separación entre instalacións será de dous metros entre cada unha. Ademais deberán ter ao alcance dos usuarios xel hidroalcohólico para a súa utilización antes de acceder ao material exposto, e garantirase en todo momento a distancia de seguridade entre as persoas.

Atende así o goberno local a demanda dos vendedores que se viron afectados polos peches perimetrais impostos pola Xunta de Galicia, e que levaron a Gondomar, ante o incremento de casos rexistrados e as indicacións sanitarias, a suspender temporalmente a súa celebración como medida de prevención para evitar novos contaxios.