Baiona reconstruirá un muro de contención no Camiño Lameiriño de Belesar

O Concello de Baiona realizará unha intervención na parroquia de Belesar. En concreto, trátase da reconstrución dun muro de contención no Camiño Lameiriño, na Granxa, e o posterior arranxo e asfaltado da zona. A actuación, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do consistorio, foi adxudicada a Construcións Vale S.L., por 19.492,79 euros.

O muro derrubouse hai algúns anos, e desde entón representou un perigo para a familia que reside á beira do mesmo, xa que dificulta o acceso á súa vivenda. Tras ultimar os trámites pertinentes o prazo previsto de comezo das obras é dun mes. Os traballos mellorarán a seguridade dos veciños e veciñas da zona afectada polo muro.

Desde a Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez lembra que o goberno municipal traballa para buscar solucións e mellorar as condicións dos veciños das parroquias: “O noso deber é que as veciñas e os veciños de Baiona teñan acceso aos mesmos servizos, independentemente do lugar no que residan”.

Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, comenta que “seguimos coa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía”.