Galicia xa vacinou 1.656 profesionais do Servizo de Axuda no Fogar

A Xunta de Galicia continúa avanzando no desenvolvemento do Plan galego de vacinación fronte ao SARS-CoV-2, aliñado coas directrices marcadas pola Comisión Nacional de Saúde Pública na Estratexia nacional de vacinación covid-19. Deste xeito, Galicia está xa a vacinar ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar, explicitamente incluído no grupo 3B da devandita Estratexia. A este respecto, solicitou o pasado 22 de xaneiro á Federación Galega de Municipios e Provincias que trasladase aos concellos a necesidade de remitir a información do persoal dos seus SAF, convenientemente acreditada por unha persoa responsable do Concello, fose o secretario ou secretaria municipal ou o propio alcalde ou alcaldesa.

Froito desa comunicación, a Consellería de Sanidade foi recibindo ao longo destes días, ben a través da Fegamp ou ben a través de envío directo polos propios concellos, as listaxes correspondentes a 240 municipios. Hoxe mesmo, a Fegamp comunicou á Consellería a recepción das listaxes de 30 concellos máis que remitirá este xoves, tras procesar os datos.

A medida que foi contando con esa información, a Xunta de Galicia procedeu xa á administración da vacina a un total de 1.656 persoas traballadoras do SAF e avanzou no proceso de citación para proceder a vacinar a 6.184 máis, que foron identificados nas últimas listaxes recibidas e aos que se sumarán os das listaxes que se reciban este xoves.

Chamamento á remisión das listaxes dos 43 concellos restantes

Para completar este proceso, é necesaria a remisión de información por parte dos 43 concellos cuxos datos aínda non foron remitidos á Consellería de Sanidade nin directamente nin a través da Fegamp. En consecuencia, a Xunta de Galicia pide de novo a colaboración dos concellos que aínda faltan por remitir a información, para poder acadar o antes posible a vacinación de todo este persoal.

Estes concellos son Allariz, Ames, Amoeiro, Ares, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabanas, Cambre, O Carballiño, Cariño, Carral, Castro Caldelas, Cedeira, Cee, A Coruña, Malpica de Bergantiños, Mañón, Meira, Melide, Moaña, Monfero, Narón, Neda, Negueira de Muñiz, Negreira, Oleiros, Ortigueira, Paderne, Padrón, O Porriño, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Valdoviño, Vila de Cruces e Xunqueira de Espadanedo.