Podemos e Esquerda Unida de Nigrán solicitan que se destine parte do remanente liberado ao banco de alimentos

Como consecuencia da crise sen precedentes pola que se viu golpeada a poboación, estanse xerando problemáticas excepcionais que requiren dunha resposta inmediata, xa que as familias con baixos recursos aumentaron de forma drástica e por mor destas dificultades o número de usuarios do banco de alimentos municipal viuse incrementado.

É por iso polo que Podemos e Esquerda Unida instan ao goberno municipal de Nigrán a que se tomen medidas urxentes directamente desde a Administración Local, destinando todos os recursos municipais posibles para axudar a paliar os efectos da crise e a potenciar a cohesión social.

Tendo constancia, por parte de usuarios do banco de alimentos, da cobertura insuficiente deste servizo, solicitan destinar parte do remanente liberado dos orzamentos ao banco de alimentos municipal, para garantir que se cubran necesidades básicas con produtos de primeira necesidade tales como: alimentos frescos, produtos de prevención sanitaria, produtos de hixiene feminina, etc…

Tamén solicitan que o reparto se faga de forma semanal, o que facilitaría a entrega de produtos frescos. Se foxe necesario poderíase contar co voluntariado para que colabore na distribución dos lotes.

Se esta iniciativa non fora posible por problemas de infraestrutura, requiren a creación dun cheque mensual cuxa cantidade sexa determinada en función da situación económica da unidade familiar e o número de membros, especialmente aqueles menores de idade. “Non nos podemos permitir nestes momentos que habendo posibilidade de axudar ás familias con menos recursos desde Nigrán miremos para outro lado, máis se cabe habendo menores en risco”, remarca Xoán Álvarez, voceiro de Podemos no municipio.

Tamén piden que se actualice os límites para ter acceso ao Programa de Alimentos Municipal

Esquerda Unida e Podemos de Nigrán tamén piden que se actualicen os límites que figuran na web municipal para ter acceso ao Programa de Alimentos Municipal, xa que os que figuran son os correspondentes ao ano 2016, debéndose actualizar aplicándolle as variacións do IPREM, tal como indican as bases aprobadas polo pleno. “Esperamos que os límites que están aplicándose sexan os actualizados”, sinala José Cuevas Raposo, voceiro de Esquerda Unida, para continuar indicando que “lamentamos que ningún membro do goberno nin da oposición se preocupe pola actualización destes datos na web municipal”.