O goberno de Nigrán aproba en solitario a adhesión ao programa “Xantar na Casa”

O goberno de Nigrán aprobou esta mañá en Pleno Ordinario e coa abstención do PP a adhesión ao programa “Xantar na Casa” de servizo de comida a domicilio para persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión. Deste xeito, o municipio será o primeiro da comarca do Val Miñor en participar neste programa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que consiste en enviar ao propio domicilio unha vez á semana 7 bandexas cos menús correspondentes para cada día listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro prato, segundo e sobremesa). O obxectivo final desta iniciativa enmarcada no programa municipal “Un Nigrán para todos” é aumentar a calidade de vida das persoas con problemas de autonomía, tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). “En definitiva, damos un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á facilitar a autonomía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable”, resume o rexedor, quen incide que a aprobación da moción será enviada inmediatamente ao Consorcio para que comece a funcionar antes de fin de ano.

Por outro lado, o goberno de Nigrán aprobou coa unanimidade da corporación unha moción elaborada desde a plataforma SOS Sanidade Pública e que expuxo o propio portavoz, Jesús Araujo Nores, pedindo ao Sergas a necesidade de reforzar a Atención Primaria e de retomar a asistencia presencial cun protocolo anti-covid en cada centro. Aínda que inicialmente o portavoz do PP responsabilizou a facultativos e administrativos dos problemas derivados da atención telefónica, finalmente e tras consultalo cos seus concelleiros decidiu votar a favor. “Se eu fose vostede pediría que non conste en acta todo o que acaba de dicir sobre os médicos e os administrativos da sanidade pública porque é unha vergoña”, chegou a reprocharlle o alcalde, Juan González. Tal e como sinalou Araujo, a situación sanitaria é insostible nos centros de saúde, sen consultas presenciais e só con citas telefónicas que acumulan demoras de 10-12 días. “Temos moitas queixas dos veciños ao respecto, especialmente de persoas maiores. Non se pode manter por máis tempo a consulta exclusiva telefónica, estase a adiar o diagnóstico de patoloxías non covid graves que, precisamente, requiren de celeridade no tratamento”, sinalou González.

Igualmente, e como moción de urxencia ante a necesidade de telo aprobado antes do día 15 de decembro, aprobouse por unanimidade a adhesión entre Xunta e Fegamp para que desde o organismo autonómico se tramiten as sancións impostas en Nigrán derivadas do incumprimento da normativa Covid-19 (por exemplo, o non uso da máscara).

Finalmente, o goberno de Nigrán votou en contra das mocións do PP relativas a instar á Deputación a que mellore as estradas PO-2102 entre Camos e Chandebrito e a PO-2106 entre Parada e San Pedro pola razón de que, precisamente, o organismo provincial adxudicou hai un mes senllos proxectos ao respecto. “Non ten sentido porque saben perfectamente que a Deputación xa adxudicou a dúas empresas os proxectos, non entendo o sentido destas mocións”, reiterou González.

Igualmente, o goberno local votou en contra da moción do PP para destinar 40.000 € a Cáritas para contribuír a súa labor en Nigrán. “Afortunadamente en Nigrán contamos cun servizo público municipal que funciona de xeito excelente e para o que hai orzamento e sen necesidade de recorrer á caridade. Temos moi boa relación con Cáritas e respectamos e admiramos moito o seu traballo, como non podería ser doutro xeito, pero tamén nos parece desorbitado que o PP pida 40.000 € para unha entidade non pública”, explicou o rexedor. Nesta liña, subliñou tamén que o goberno local xa deu o seu compromiso para crear unha liña de axudas para hostaleiros e artistas do municipio, “polo que a moción do PP ao respecto tamén está fora de lugar”.