“O Entroido volverá”, o vídeo que convida a Gondomar a manter viva a súa celebración

O Concello de Gondomar vén de realizar o vídeo “O Entroido volverá”. A produción audiovisual anima á veciñanza nestes momentos que vivimos lembrando que é algo pasaxeiro, e que o Entroido, unha festa tradicional no municipio, só toma un pequeno descanso porque “as máscaras, o que se sente, encérranse nun baúl que pronto se volverá a abrir en Gondomar, onde a rúa bailará, a xente cantará e todo pasará…”.

Con esta produción, compartida nas redes sociais do Concello, convídase a manter vivo o espírito de Entroido e ver nas máscaras, os disfraces que confían poder lucir e gozar o próximo 17 de xullo, data á que se pospuxo este ano a celebración do Entroido, facéndoo coincidir coas festas patronais.

“Só queremos achegar un pouco da alegría, cor e música que estas festas cada ano trasladan ao noso concello e que, confiamos, volverán estar connosco dentro duns meses”, afirma o alcalde Paco Ferreira.

“O Entroido volverá” contou coa participación de integrantes das diferentes escolas de baile do municipio, a compañía teatral Olivas Negras, así como coa adaptación musical que Lucía Doval realizou para a ocasión, baseándose na banda sonora da oscarizada película Lalaland.