Baiona amplía o prazo para participar no cuestionario en liña do Plan de Mobilidade Sostible

O Concello de Baiona amplía o prazo ata o próximo 20 de febreiro para participar no cuestionario en liña orientado a coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade dos seus veciños en relación ao Plan de Mobilidade Sostible do municipio.

A través da web do Concello de Baiona, calquera persoa residente neste termo municipal terá a opción de participar nunha consulta dixital en liña, que será de carácter anónimo, poderase cubrir na seguinte ligazón: plandemobilidade.com/baiona, ou ben a través da páxina do Concello (baiona.gal) seguindo a ligazón do pop- up ao abrir a páxina.

O Concello de Baiona iniciou hai unhas semanas o proceso de redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. Nestas primeiras semanas a empresa redactora está a realizar unha primeira análise da situación do Concello en termos de mobilidade e calidade dos espazos públicos.

Dita consulta virá sumarse ás mesas de participación cidadá, nas que os diferentes colectivos e os veciños interesados poderán participar ao longo do mes de febreiro en horarios de mañá e de tarde en dependencias municipais, tendo en conta e aplicando as medidas sanitarias oportunas. Ao mesmo tempo poderán enviarse suxestións ao correo baiona@plandemobilidade.com.

Desde o Concello de Baiona anímase á participación xa que se puxo en marcha o cuestionario en liña para coñecer os hábitos e propostas de todas as persoas que viven na vila, co obxectivo de facilitar a redacción do Plan de Mobilidade Sostible. A participación da cidadanía neste proxecto é fundamental para coñecer as necesidades reais da poboación e mellorar “de forma práctica e eficaz” a mobilidade de Baiona.

O obxectivo último da iniciativa desenvolvida polo Consistorio, coa que se busca dispoñer das opinións dos veciños e veciñas da Vila, é lograr un documento o máis consensuado posible para, a partir de aí, comezar a implementar as medidas que estableza o referido plan.