“Avicolor Pintura” gaña o concurso de decoración de Nadal de Baiona

A decoración do establecemento “Avicolor Pintura” resultou gañadora por unanimidade nas dúas categorías “Mellor Decoración” e premio á “Orixinalidade e Innovación” dotada con 500 euros cada unha do certame “Decorando Baiona no Nadal 2020-2021”.

O Concello de Baiona convocou este concurso en colaboración coas asociacións de empresarios ACEBA, COEMSA e OVALMI co obxectivo de promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de presentar os establecementos, facelos máis atractivos ao consumidor ou consumidora reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizar o comercio local durante as datas do Nadal.

O xurado encargado de ditar fallo estivo composto por persoas das directivas das asociacións de empresarios presentes no municipio, unha persoa destacada relacionada coas artes escénicas e dous funcionarios municipais. Entre os criterios de valoración, o xurado valorou aspectos como o engalanamento da fachada, o escaparate e a decoración interior dos comercios, o deseño e calidade, os materiais de refugallo empregados, a innovación, e o traballo e a dedicación na elaboración.

En total, foron dezaseis os establecementos que participaron nel, aos que o Concello de Baiona quere agradecer moi especialmente o seu esforzo e dedicación para lograr que durante estas festas, as rúas ofrecesen a través das súas fachadas, escaparates e interior alegría.

Desde a Concellería de Cultura, encargada de organizar o concurso, animouse aos negocios para converterse nun referente comercial decorativo coa intención de que esta actividade atraese aos veciños e veciñas a gozar dunha contorna ambientada coa singular decoración que animase ás compras do Nadal no comercio da Vila.