O PP de Baiona denuncia a privatización do servizo de poda de árbores

O servizo de poda das árbores no último trimestre de 2020 custoulles aos veciños de Baiona 33.396 euros. Por primeira vez, o goberno local contratou a dúas empresas para facelo cando ata ese momento realizábanos os operarios municipais. O grupo municipal do Partido Popular tivo acceso ás facturas e en cada unha delas aparece o mesmo importe (16.698 euros) polo mesmo traballo e no mesmo período de tempo, o que demostra que o tripartito baionés non só privatizou o servizo senón que, ademais, divide o contrato para adxudicar directamente e evitar ter que convocar un concurso público e que puidesen optar á execución do servizo aquelas empresas que así o considerasen.

Esta privatización súmase á que xa fixeron no verán de 2020 co servizo de limpeza viaria. Tal e como xa denunciou o pasado mes de xullo o PP baionés, este goberno local que encabeza o socialista Carlos Gómez non se molestou en solicitar fondos a través do Plan Concellos da Deputación para a contratación de veciños do municipio que se encargasen desta función de limpeza viaria de Baiona e, con todo, contrataron a unha empresa para este fin. Un feito insólito xa que durante décadas o Concello sempre reclamou esta axuda provincial para que o coidado dos espazos públicos non supuxese un desembolso directo para as arcas municipais.

E, non suficiente con isto, neste 2021 o funcionamento vai ser o mesmo. Novamente no Plan Concellos non solicitan axudas para a contratación de persoal para limpeza polo que os veciños de Baiona volverán ter que pagar por este traballo con diñeiro municipal.