O IIS Galicia Sur súmase á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e a Área Sanitaria de Vigo sumáronse hoxe á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha efeméride que está auspiciada pola ONU e a UNESCO para dar visibilidade á muller no campo da investigación científica. Con ese motivo, cinco das principais investigadoras do Instituto gravaron un vídeo no que explican parte do que é o seu traballo. O IISGS ten adscritas a 1.003 persoas, das que o 59% (589) son mulleres nas distintas categorías profesionais de investigación e xestión. O Instituto aglutina a investigación biosanitaria realizada dende a Universidade de Vigo e o Sergas no sur de Galicia e a través da Fundación Biomédica Galicia Sur xestiona a investigación realizada nas áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés, Ourense e Vigo.