Sin categoría

O PP de Gondomar e a Xunta volven reunirse polas obras para evitar inundacións no río Miñor

A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, mantivo este martes unha xuntanza telemática coa delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, para interesarse polas actuacións previstas polo Goberno autonómico para facer fronte ao risco de inundacións no río Miñor.

Considera Bouzós que esta conca debería formar parte dos plans específicos sobre os que traballa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que afectarían a varios ríos de Galicia, tal e como lle trasladou á delegada. A voceira do PP defende que Gondomar necesita unha forte inversión neste sentido, con obras de calado que fagan que, aínda que non as evite, si se rebaixen os danos que provocan as xa habituais crecidas dos ríos Zamáns e Miñor ao seu paso pola Vila Condal.

Unha reunión na que a voceira do PP gondomareño aproveitou para trasladarlle a Fernández-Tapias a súa preocupación sobre outros temas que afectan ao municipio e entre os que citou as queixas sobre a nova adxudicataria do transporte metropolitano, a depuradora de augas residuais e o saneamento en Gondomar.

Por outra banda, Bouzós compartiu coa delegada a difícil situación que están a atravesar autónomos e pemes de Gondomar, especialmente a hostalería, no contexto actual derivado da crise sanitaria. A este respecto, agradeceu á Xunta de Galicia a súa implicación con axudas directas para os sectores máis afectados pola pandemia.

Con respecto ao transporte metropolitano, xa adxudicado con importante melloras en canto a horarios e itinerarios, Fernández-Tapias sinaloulle que a Xunta está a traballar na incorporación efectiva de Gondomar ao convenio. Tal e como recordou Bouzós, se hoxe Gondomar non está integrado é responsabilidade do actual Goberno local, que votou en contra en non poucas ocasións.

En canto á depuradora, a delegada confirmoulle a disposición da Xunta de Galicia a acometer a ampliación toda vez que o Concello entregue a auditoría que tense comprometido realizar, ao tempo que puxo en valor que o Goberno autonómico asumiu esta xestión pese a ser unha competencia municipal cun custe anual que supera os 1,2 millóns de euros.

Unha reunión que a voceira do PP cualificou de “construtiva”. “Quedoume patente que a Xunta de Galicia é coñecedora das necesidades de Gondomar”, sinalou, ao tempo no que engadiu que “agardo, máis pronto que tarde, ter novas sobre os investimentos que a Administración autonómica vai facer no noso concello”.