Nigrán declara o Cine Imperial da Ramallosa entidade de interese municipal

O Concello de Nigrán incluirá por vez primeira na bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles (máxima rebaixa permitida por lei e aprobada polo goberno de Nigrán no 2016) ao Cine Imperial da Ramallosa. O Concello levará ao pleno ordinario do 22 de febreiro a súa declaración como entidade de utilidade municipal xunto coas entidades veciñais e culturais que anualmente o solicitan (Centro Cultural As Angustias, A.V.A Camoesa, A.V. A Unión, O Torreiro de Priegue, Bolos da Carrasca, O Castro de Chandebrito…), o que implica unha rebaixa media no seu recibo anual de preto de 1.300 euros. Esta bonificación cadra nun intre especialmente duro para as entidades e para o propio cine, xa que actualmente manteñen as instalacións pechadas por decreto da Xunta.

“É unha cantidade moi cuantiosa para o cine e todas as asociacións de Nigrán, xa que con escasos recursos levan adiante un traballo fundamental durante todo o ano de promoción da cultura e das relacións veciñais”, sinala o alcalde, Juan González. “Analizando a realidade das diferentes entidades beneficiarias démonos conta de que o Cine Imperial, aínda que sexa unha empresa, é de especial interese municipal porque se trata dun dos contadísimos cines independentes que sobreviven non só en Galicia, se non en toda España, e desde o Concello consideramos que a súa actividade, sen dúbida, tamén enriquece a vida cultural de Nigrán e de toda a súa comarca, polo que informamos aos propietarios para que solicitasen a rebaixa e así o fixeron”, refire González.

Historia do Cine

O Cine Imperial fundouse o 1 de febreiro de 1948 da man de Latino Salgueiro Espinosa, un novo enxeñeiro namorado do cinema, e continúa agora da man das súas fillas. Dende ese momento e ata os nosos días, milleiros de títulos pasaron pola súa pantalla e varias xeracións de espectadores polas súas butacas, especializándose nunha programación internacional de altísima calidade. O Imperial viviu tempos de gran demanda no que chegou a ofrecer programas dobres porque ir ao cine era unha actividade de ocio habitual. Igualmente, mentres a partir dos anos oitenta a meirande parte das salas de todo o país foron pechando, o Imperial seguiu adiante sobrevivindo ás multisalas ou ao aluguer de VHS e ao traslado da actividade ás grandes áreas comerciais. Actualmente é unha verdadeira institución da comarca ao ser un dos contadísimos cines independentes que sobreviven en España, cuestión que lle valeu unha mención no Festival Primavera do Cine en Vigo do pasado ano.