Os fisioterapeutas advirten de secuelas como fatiga, dor, parálise e incapacidade funcional despois do Covid

Os fisioterapeutas advirten de secuelas en pacientes Covid como a fatiga, a dor xeneralizada, parálise e a incapacidade funcional para retomar as actividades que realizaban antes de contaxiarse. O virus Sars-Cov-2, segundo puideron comprobar, produce unha afectación multisistémica, danando moito máis que os pulmóns.

Ante o aumento de casos que se está rexistrando nesta terceira onda en toda España, os especialistas da área de Fisioterapia lembran que un dos sistemas máis afectados é o musculoesquelético, ao que prexudica o virus en si mesmo e pero tamén as complicacións derivadas del. A falta de exercicio ou actividade física e o confinamento, nos casos leves, e unha estancia prolongada en cama nos casos máis graves, poden afectar de maneira prolongada e mesmo, permanente, ao paciente.

A fisioterapeuta Laura Rubio, do hospital Povisa, subliña a prevalencia de secuelas como a fatiga ou astenia e a dor xeneralizada, ás que engade perda de masa e forza muscular, diminución da capacidade motora e mobilidade, diminución de peso e déficit proteico, agravada habitualmente cunha perda de capacidade pulmonar e dificultade para conciliar o soño. Ademais, entre os efectos secundarios máis comúns en pacientes Covid atópanse “a perda de flexibilidade muscular, fibrose e perda de equilibrio e dificultade para camiñar ou manterse en pé”. “Tras un período de inmobilización, prodúcese unha atrofia muscular, porque os músculos perden tamaño”, remarcou. En pacientes máis graves, as secuelas poden incluír, explica, “úlceras por decúbito, neuropatías por atrapamento, edemas residuais e parálises”.

E esa afectación das fibras musculares, chamada miopatía, segundo explica Rubio, aparece non só nas extremidades inferiores. “O paciente presenta perda de forza na musculatura máis proximal, nos ombreiros e escápulas, no tronco, a pelvis e na cadeira, xerando unha debilidade muscular moi incapacitante, porque dificulta funcións básicas”, sinalou.

Por todo isto, os pacientes que sofren esta enfermidade son tratados nos hospitais do grupo Ribera por un equipo multidisciplinar que aborda todos os aspectos que se viron afectados no paciente. “Desde o punto de vista da Fisioterapia, leva a cabo unha abordaxe, non só mediante técnicas de fisioterapia respiratoria e músculo- esquelética, senón tamén desde un punto de vista biopsicosocial e educacional”, explicou.

Para recuperarse, é recomendable un programa de rehabilitación específico, baseado en exercicio individualizado e adaptado a cada paciente, baixo control do médico e o fisioterapeuta no que pode utilizarse electroestimulación e neuromodulación, que axudan a superar as secuelas físicas e diminuír a dor.

A fisioterapia inclúese en todas as fases da enfermidade e trabállase co paciente, sempre que os profesionais así o determinen, tanto na Unidade de Coidados Intensivos, como en hospitalización, de maneira ambulatoria ou de maneira telemática. Para Laura Rubio, “podemos axudar a previr ou minimizar estas secuelas e complicacións cunha mobilización precoz, se o paciente está hemodinámicamente estable, para manter a mobilidade das articulacións, a elasticidade dos tecidos e previr problemas posturales, e tamén con terapia física e exercicio terapéutico”.

“Ata o momento, o proceso de recuperación require de traballo, paciencia e tempo, xa que a recuperación está relacionada coa complexidade de cada proceso Covid, así como do estado previo do paciente”, asegurou.