Gondomar pospoñerá a celebración do Entroido ata o verán

A situación de pandemia que está a vivir a comunidade autónoma e as restricións ás que se viron sometidos os seus municipios fan imposible a celebración do Entroido, con moita tradición en Gondomar, onde o seu goberno non quere dalo por perdido e facendo provisión de optimismo anuncia que a súa celebración pospoñerase “ata xullo”.

O goberno local prevé organizar o tradicional desfile de comparsas e posterior verbena o 17 de xullo, facéndoo coincidir coas festas patronais de San Bieito. Así o manifestou o rexedor, Paco Ferreira, quen pon esta proposta sobre a mesa “con toda a cautela do mundo pero sen perder o optimismo e a confianza en que de aquí a esa data as restricións sexan moito máis suaves e a maior parte da poboación estea vacinada”.

Trátase de salvar unha celebración moi arraigada no municipio onde comparsas como as das parroquias como Mañufe ou Vincios ocupan habitualmente os primeiros postos nos diferentes concursos que se celebran en Vigo e en toda a súa área de influencia.

A Concellería de Cultura traballa xa na programación do Entroido como na das festas patronais coa confianza de que se poidan desenvolver baixo a máxima normalidade posible. Á espera da chegada de xullo e, para non enterrar no baúl dos recordos o Entroido este mes de febreiro, a través das redes sociais e da páxina web do Concello lembrarase que a ilusión, a maxia e a esperanza non deben decaer dunha forma especial.

“É unha celebración moi arraigada no noso municipio. Agora non pode ser pero non o optimismo é importante mantelo así que confiamos en que o mes de xullo podamos recuperala e celebrala”, manifesta o alcalde Paco Ferreira.