Detidos dous veciños de Vigo por subtraer cableado de telefonía móbil en Baiona, Oia, Mos, Porriño e Redondela

A Garda Civil detivo a dous veciños de Vigo aos que se lles considera os presuntos responsables de 13 delitos contra o patrimonio, a maior parte deles por roubo e furto do cableado de telefonía móbil en varios municipios do sur da provincia de Pontevedra.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, e nas que colaborou puntualmente un Policía Local fóra de servizo, iniciáronse o mes de outubro do ano pasado cando se ten coñecemento dunha serie de furtos e roubos do cableado de telefonía móbil na liña de costa de Baiona a Oia.

As investigacións levadas a cabo, permitiron recompilar unha serie de información relacionada con outros feitos de similares características que permitiron localizar os puntos onde se vendeu parte do cable subtraído e a consecuente identificación dos presuntos autores.

Atribúeselles a presunta comisión de 8 delitos de roubo, nuns casos, e furtos noutro, dunha importante cantidade de cable do tendido de telefonía móbil nos termos municipais de Baiona, Oia, Mos, Porriño e Redondela.

No transcurso das investigacións, que se levaron a cabo no marco da denominada operación ROCAOIA, tamén foron identificados como presuntos autores de senllos roubos con forza nun restaurante de Oia e nun bar de Salceda de Caselas. En Oia tamén se lles atribúen outros tres roubos con forza noutros nunha caseta de obra, un bungaló e o depósito de augas.

Os presuntos autores resultaron ser tres veciños do barrio de Lavadores no municipio de Vigo. Un deles faleceu como consecuencia dun accidente de tráfico durante a fase de investigación e os outros dous foron detidos.

No transcurso das investigacións intervéuselles o vehículo implicado nos roubos, numerosas ferramentas, unha pata de cabra, unha radial con batería para o corte do cable, escaleira para acceder a cables en altura e numeroso cableado de cobre.

As dilixencias e o material intervido entregáronse no Xulgado de Instrución nº 5 de Vigo, onde deberán comparecer os detidos cando sexan requiridos.