Chandebrito informará os veciños mediante luces de cores

Os familiares de Gumersinda pousan sobre a pirámide iluminada en violeta, cor que indica un falecemento.

A parroquia de Chandebrito dá unha volta de torca ao concepto de iluminación monumental e mediante un código de cores informará os seus veciños de feitos ou sucesos que afecten na vida do núcleo rural nigranés. A iniciativa que comezou a funcionar a mediados do mes de xaneiro cumpre unha funcionalidade que vai máis aló da estética e xurdiu como reforzo ao grupo de whatsapp informativo creado para os residentes na zona por Víctor Manuel Vidal Otero, presidente da Comunidade de Montes e de “O Castro”, fai xa cinco anos. “É unha maneira moi visual de manter a todos os residentes informados aproveitando que os puntos elixidos están moi elevados e son visibles desde moitas perspectivas”, indica.

Deste xeito e no momento que o “Monte Milladoiro” situado no Outeiro de As Laxes ou os pulmóns bautizados como “Rexurdimento” luzan nun ton azulón ou rosáceo, indicará o nacemento dun neno ou unha nena, respectivamente. Cando se produza unha situación de risco cambiarán a vermello. Para as festividades as cores irán cambiando secuencialmente e cando se produza un falecemento iluminaranse en morado, tal e como sucedeu de domingo a martes a primeira semana en recordo de Gumersinda. O resto de días permanecerán en branco.

Segundo explicou Vidal a idea xestada entre a asociación de veciños e comuneiros veu para quedar, manterase os 365 do ano e as alertas permanecerán activas durante tres noites para despois volver a estado normal, ademais conta coa colaboración do Concello, que axudou no financiamento para a instalación dos seis proxectores. “Servímonos destes dous monumentos polo seu cargado valor simbólico á vez que lle outorgamos unha connotación informativa”, engade. Así mesmo incide en que a posta en marcha da iluminación monumental non pretende restarlle protagonismo aos elementos elixidos senón todo o contrario. “É un complemento que ademais de facelos visibles durante a noite destaca a súa beleza”, aclara.

Esta non é a primeira vez que os veciños de Chandebrito poñen en práctica iniciativas similares aínda que sempre ciñéndose a unha finalidade estética. Desde hai dous anos na cima do Castro colocan elementos decorativos polo Nadal, en 2019 foi unha gran árbore de cinco metros e nas pasadas unha estrela que permaneceu acendida durante todas as festas.

No Outeiro de As Laxes, desde agosto do pasado ano e en homenaxe ao corenta aniversario da presentación do seu primeiro disco, a agrupación musical galega “Milladoiro” ten o seu recuncho, cuxo nome reza en letras de catro metros de longo xunto a unha pirámide realizada en bloques de formigón de tres de alto que agora foron equipadas con catro potentes proxectores de luz. De mesmo modo ocorre cos pulmóns situados no “Bosque da Memoria” e construídos con fragmentos de troncos queimados durante os incendios acontecidos en outubro de 2017. O brote verde que xorde do centro é a clave para simbolizar o poder de rexeneración da natureza, a pesar da acción moitas veces nefasta da man do home na contorna. Este conta con dous puntos de gran potencia.