Sin categoría

“O compromiso da Xunta coas infraestruturas en Nigrán demóstrano os investimentos”

Respecto ás críticas do PSdeG e o alcalde de Nigrán cuestionando o compromiso da Xunta de Galicia co municipio, a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, aclara que o compromiso da Xunta de Galicia coas infraestruturas en Nigrán demóstrano os investimentos recentemente executados e os que están actualmente en curso: proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-552 (400.000 euros), a mellora do itinerario peonil na contorna da intersección da AG-57 e a senda entre Gondomar e A Ramallosa (2,3 millóns de euros).

A delegada reafirma así o compromiso do Goberno autonómico cos veciños de Nigrán, priorizando a seguridade viaria e os tramos de concentración de accidentes. Respecto á xestión do abastecemento e o saneamento municipal, lembra que a Xunta leva 15 anos prestando un apoio extraordinario facéndose cargo da xestión da depuradora a pesar de ser unha competencia municipal. Desde 2005 e ata 2019 o custo deste servizo para as arcas autonómicas supuxo 7,6 millóns de euros e o consecuente aforro para os veciños de Nigrán. Foron reiteradas as veces que se lle propuxo asumir a xestión ao Concello, a última vez o pasado mes de outubro.

En canto ao emisario, por enésima vez Fernández-Tapias insiste en que é de titularidade municipal e, en consecuencia, nin é propiedade da Xunta, nin lle corresponde a esta a responsabilidade do seu mantemento. Se o emisario ten problemas, é o Goberno local o que debe asumir a súa reparación. En todo caso, defende que a depuradora funciona perfectamente e lembra que os problemas reiterados que aparecen en Praia América teñen moito que ver coas verteduras contaminantes que desde a rede municipal de saneamento prodúcense ao río Muíños, tal e como constataron os técnicos.