Gondomar aproba unha modificación de crédito de preto de 1 millón de euros

O Goberno local de Gondomar, na última Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas, celebrada o pasado martes, ditaminou favorablemente unha modificación de crédito de 970.000 euros, fronte a abstención na votación dos partidos da oposición (PP, MM e BNG). Esta nova modificación de crédito próxima ao millón de euros permitirá atender aos sectores afectados pola COVID19 e facilitarlles axudas para facer fronte aos peches aos que se viron obrigados nesta pandemia. “Desde o Concello seguimos xunto a eles e pedimos máis implicación da Xunta á hora de atender a precaria situación á que moitos se viron abocados neste último ano”, sinala o alcalde, Paco Ferreira.

Ademais reservaranse partidas orzamentarias para saneamento, rehabilitación e mellora de instalacións públicas, asfaltado de distintos puntos do municipio, e unha axuda para a compra de Casa Peralba. “Esta modificación orzamentaria facilitará a execución de obras importantes e necesarias para o desenvolvemento de Gondomar e para atender as demandas que dende a veciñanza fannos chegar ao Concello”, destaca o rexedor. “Paso a paso o goberno segue traballando e dotando de orzamento obras que son necesarias no noso municipio, e ás que se irán sumando aos poucos novas actuacións ata conseguir completar todos os nosos obxectivos de atender aos gondomareños e gondomareñas”, conclúe Ferreira.