O PP urxe ao tripartito a poñer ao dispor das familias vulnerables as vivendas sociais de Sabarís

Baiona conta con dúas vivendas sociais en Sabarís, as coñecidas como casas dos mestres, que foron integramente reformadas polo anterior goberno local co único fin de destinalas a alugueiro social para familias con escasos recursos. Unha aposta do executivo popular na que se investiron 130.000 euros e que buscaba converterse nos primeiros fogares deste tipo no municipio. Se naquel momento a necesidade levou a crear este proxecto, agora a crise económica provocada polo Covid-19 fai imprescindible que este tipo de iniciativas repercutan no pobo, con todo desde que finalizaron as obras a mediados de 2020 permanecen pechadas. Iso a pesar de que a decenas de familias baionesas castigadas pola pandemia resúltalles imposible afrontar o prezo dun alugueiro convencional.

É por este motivo que o grupo municipal popular urxe ao alcalde, Carlos Gómez, e a todo o seu equipo, a poñer ao dispor destas familias estas vivendas, a condición de que cumpran os requisitos establecidos por Servizos Sociais municipais, en lugar de que estean a se deteriorar pola falta de uso e o peche permanente. Cabe lembrar que estas dúas casas non poden destinarse a outro uso que non sexa o alugueiro social xa que a súa rehabilitación contou con fondos do programa “Vivendas Baleiras” da Consellería de Medios Ambiente, Territorio e Vivenda creado para poder facilitar o acceso a unha vivenda a estas familias con especiais dificultades.

Ao PP baionés parécelle “vergoñoso” que estas dúas casas de Sabarís permanezan pechadas polo deixamento do goberno local durante máis de seis meses aínda vivindo esta dramática situación derivada da pandemia mentres hai familias que están a ter que marcharse a residir a outros municipios da contorna ante a falta de apoio do Concello. “A despreocupación na xestión municipal é evidente e a desidia afecta agora aos máis necesitados. Queda patente a falta de sensibilidade tanto do Alcalde como do seu equipo, posto que o único que lle pide o PP a este tripartito é vontade e ganas de traballar para que poidan ser habitadas”, demandan os populares. “Esta é outra mostra máis do abandono que está a sufrir a vila de Baiona desde que goberna o tripartito”, apostilan.