Manifesto Miñor denuncia o mal estado dos tendidos de teléfono en Chaín

Así está dende mediados de decembro a veciñanza do Barrio da Torre en Chaín, un barrio a pouco máis dun quilómetro do centro da Vila de Gondomar. O pesadelo destes veciños comezou a primeiros dese mes cando a compañía propietaria da liña (Telefónica/Movistar) procedeu a substituír algúns postes en mal estado que soportan o tendido do cable telefónico na zona. A partires dese momento os usuarios con domicilios por riba de onde foron substituídos os postes comezaron a ter problemas, tanto nas liñas de teléfono coma nas conexións ADSL, quedando sen servizo dende o 14 de decembro.

Xusto aí comezou o calvario dos veciños afectados ao ter que soportar por parte das empresas que prestan os servizos un continuo botar balóns fóra e desentenderse do problema, con escusas tan peregrinas como a situación do enmarañado dos cables que precisaría de varios operarios para resolvelo. E mentres seguen sen un servizo básico, sobre todo nun tempo de Pandemia onde o traballo telemático, clases on-line, etc están á orde do día.

Dende Manifesto Miñor consideran intolerable esta situación, “cando a todas estas empresas e aos gobernos se lles enche a boca co avance da fibra óptica, mentres temos situacións terceiromundistas o 3 minutos do centro da Vila”. Por este motivo, vai levar este asunto ao Pleno da Corporación Municipal deste xoves, para que o Goberno Municipal tome cartas no asunto e lle esixa aos responsables desta situación unha solución inmediata.