Gondomar instalará unha caldeira de biomasa no seu Centro de Desenvolvemento Local

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe por videoconferencia un encontro cos alcaldes de Gondomar, Francisco Ferreira, e Redondela, Digna Rivas, aos que informou sobre a concesión de preto de 173.000 euros para proxectos de mellora enerxética en ambos os dous municipios. Concretamente informou que as axudas permitirán substituír as actuais caldeiras de gasoil por biomasa no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar, cunha achega de 79.546,37 euros, no Conservatorio de Redondela (53.490,05 euros) e no Multiusos de Chapela (42.792,04 euros).

Neste contexto, Fernández-Tapias destacou a aposta do Goberno galego por lograr unha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar tanto o uso das enerxías renovables como unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares galegos, como das administracións, empresas e entidades. No conxunto de Galicia esta liña de apoios, da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, reserva 2,42 millóns de euros para apoiar un total de 148 proxectos de enerxías renovables térmicas en administracións locais, empresas e entidades sen fins de lucro.

A instalación desta nova caldeira no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar responde á política de aforro enerxético e á aposta polo uso de enerxías renovables que desde o Concello, a través da súa Concellería de Medio Ambiente, vén apostando desde o inicio da lexislatura. Esta nova instalación térmica de biomasa dará servizo de calefacción ás instalacións. O proxecto contempla ademais a colocación dun depósito de inercia de 1000 litros que almacena a enerxía que xera a caldeira, así como a instalación dun contador para a medición de Kwh térmicos consumidos, un sistema de telexestión con comunicación de alarmas, entre outras características.

O alcalde Paco Ferreira mostrou o súa satisfacción ante a posibilidade de optar a este financiamento e seguir fomentando o uso da biomasa forestal, unha enerxía renovable con reducido impacto ambiental que polo seu carácter autóctono favorece o autoabastecemento e a seguridade de subministración a prezos competitivos, á vez que “reduce a contaminación e a nosa pegada ambiental no planeta”.

En concreto concedéronse 56 axudas para proxectos de biomasa en concellos por un importe de algo máis de 941.000 euros; 25 para iniciativas de biomasa en empresas e para autónomos por 329.000 euros; e 7 actuacións de biomasa en entidades sen fins de lucro por 321.000 euros. Ademais, apoiaranse diversos proxectos de empresas e autónomos: 47 de aerotermia (preto de 515.000 euros), 9 propostas de xeotermia (287.000 euros) e 4 de solar térmica (case 32.000 euros).

Con estas axudas, que dispoñen dunha intensidade do 80% para as administracións e as entidades sen fins de lucro e unha media do 60% para empresas cun máximo de 250.000 euros por proxecto, prevese mobilizar ao redor de 5M€.