O PP propón que Nigrán colabore con Deputación e Xunta no fondo de cooperación Covid

O PP de Nigrán, en clara sintonía coas demandas dos sectores económicos máis prexudicados pola pandemia, que solicitan que haxa colaboración entre as administracións para dotar un fondo de axudas a eses sectores, cre que é a forma máis eficiente e rápida de conseguir que as axudas cheguen rápido e na maior contía aos sectores máis prexudicados.

Os representantes dos sectores demandan que a Xunta sexa a que tramite as subvencións xa que demostrou, coa última tramitación de axudas de 80 millóns de euros, a súa eficacia na tramitación e pago en tempo récord. Máis do 80% das mesmas xa están pagadas cun procedemento moi simplificado e efectivo.

Os populares advirten que aínda que o sector máis prexudicado é a hostalería, hai outros sectores empresariais de micro-empresas, autónomos e artistas que igualmente están a sufrir diminucións de facturación e peches forzosos, “polo que é xusto que se lles teña presente e se lles axude na medida do posible”.

Para o PP é o momento de unir esforzos entre todas as administracións para conseguir o maior grao de axuda posible a estes sectores e con iso mellorar a situación de moitas familias que temen quedar sen emprego ou que teñan que pechar o seu negocio por culpa desta terrible pandemia. “A Xunta xa indicou que ten 50 millóns de euros para este proxecto, falta agora que se concrete a achega das Deputacións e Concellos, non podemos deixar pasar esta oportunidade polo ben de tantas familias que o necesitan, sería absolutamente imperdoable”.

Segundo os populares, esta proposta conseguiría que Concellos como Nigrán sumasen á súa achega tamén a das Deputacións e a Xunta, permitindo chegar a máis familias e con maior intensidade, e nun tempo récord, “algo que se se fai de forma independente será unha complicación real tanto para os Concellos como para as Deputacións, é o momento de unir esforzos e axudar a tantas familias que o demandan. Esperamos que o noso Alcalde estea á altura e apoie esta proposta en beneficio de todas as familias de Nigrán que o necesitan”, conclúen desde o PP.