O gondomareño Berni Costas volve ao Iberconsa Amfiv

Como dicía aquel insigne xornalista deportivo na Hora Cero: “estalou a bomba deportiva”. E é que nos atopamos coa noticia do ano para o Iberconsa Amfiv: o histórico Bernabé Costas volve ás filas do que fora o seu equipo tantos anos despois da súa retirada en 2017.

Unha volta a casa

O regreso de Berni foi froito de moitos meses de insistencia por parte do equipo técnico do club. É certo que Berni leva incorporado a moitas das sesións de adestramento desta tempada desde os seus comezos. Debido ao curto tamaño do persoal a principios de tempada, Berni acudiu á chamada do club e incorporouse á disciplina de entrenos. Nesas sesións, Berni puxo ao dispor do equipo os seus anos de experiencia mentres César Iglesias e Pablo Alonso, técnico e axudante do club respectivamente, observaban como Berni seguía mantendo o ritmo e o talento intacto. Desde o comezo da tempada animábano a unirse de novo ao Iberconsa. O gondomareño daba longas pero tanta foi a insistencia que, vendo a necesidade do equipo que se atopaba con moi poucos efectivos, finalmente deu o seu brazo a torcer e aceptou incorporarse de novo a un equipo que considera o seu fogar. Iso si, cunha condición: Berni incorpórase á dinámica do Iberconsa Amfiv pero só disputará os partidos que se xoguen no Pavillón Pablo Beiro. Por iso, esta volta a casa ten un dobre significado.

Retirada no máis alto

Todos lembramos uns dos grandes fitos do Iberconsa nos seus últimos anos. A consecución da Challenge Cup celebrada en Vigo no ano 2017. O seu primeiro título europeo. Foi naquel mes de maio cando Berni alzou en todo o alto a Copa que os acreditaba como campións. O Pavillón Municipal de Navia, cheo ata a bandeira, era un clamor. Despois de tantos anos representando á Selección Española, competindo noutros equipos da liga onde creceu como xogador, Berni conseguía, por fin, sacarse esa espinita co Iberconsa. Tamén decidía que era o momento para poñer un punto e final á súa carreira deportiva. Era o momento de deixar que as seguintes xeracións collesen a substitución. Ata o Concello de Gondomar púxolle o seu nome ao Pavillón Municipal. Todo era perfecto. Que mellor forma de poñer o punto e final a unha carreira? Pero, como reza o popular dito, o que tivo, retivo. E vendo a necesidade que tiña o equipo de amplíar o persoal, o “picorcito” volveu. E o punto final terminouse convertendo nun punto e aparte.

A súa volta oficial: este sábado ante Amivel

O regreso de Berni consumarase este sábado no partido que enfronta ao Iberconsa ante o Amivel. E non vai ser fácil. O Iberconsa necesita vitorias para escapar dos últimos postos da táboa e aspirar a meterse en Copa do Rey. E o camiño debe comezar vencendo a un duro rival en casa. Se aos afeccionados non lles chega a súa dose de Bernabé, que non desesperen. O seguinte sábado, 6 de febreiro, o equipo volve xogar en Bouzas para recuperar o partido aprazado ante Xetafe. A súa experiencia e capacidade anotadora van ser bazas fundamentais para que o equipo converta o Pavillón Pablo Beiro no seu particular fortín no que resta de tempada.

Pasaron máis de dúas décadas desde que aquel rapaz que sufriu as consecuencias nefastas dunha poliomielitis incorporouse ao club da man do lembrado Pablo Beiro. Internacional, paralímpico e sobre todo un home da casa que volve para seguir escribindo unha carreira á que aínda quedan liñas importantes por escribir.