Baiona destinará 100.000€ do seu remanente de tesourería a axudas para a hostalería e o comercio

Esta mañá reuniuse unha representación da xestora da hostalería do Val Miñor e a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) co alcalde de Baiona, Carlos Gómez. Tras unha primeira toma de contacto realizada en novembro do ano 2020, na que se lle presentaron as diferentes problemáticas ás que se estaba enfrontado a hostalería naquel momento, chegouse a un primeiro acordo de buscar solucións á devandita situación.

Onte a Xunta de Galicia anunciaba un endurecemento das medidas como prevención ao avance da COVID-19, na nosa comunidade autónoma. Ditas medidas entrarán en vigor, tras a súa publicación no DOGA, cunha data de inicio prevista do 27 de febreiro, o que levará a un peche total da hostalería, así como a restrición horaria de comercios non esenciais.

Como veu pasando ao longo de toda esta pandemia, a hostalería segue sendo o sector máis castigado, sendo á súa vez, o que menos porcentaxe de contaxios achega ao total. Na reunión celebrada esta mañá, por parte do Concello informábase, a OVALMI e á xestora da hostalería, de que nestes momentos están a elaborarse unhas bases de axudas directas para hostalería e comercio de Baiona, así como un plan de reactivación económica para os devanditos sectores.

Por tanto, Baiona súmase aos Concellos de Nigrán e Gondomar, en implementar axudas para o sector da hostalería. Nigrán, abría o prazo para a solicitude das devanditas axudas a principios de xaneiro, dando un mes de prazo para a súa presentación. Gondomar, está pendente da aprobación no pleno do mes de febreiro da aplicación de fondos do remanente de tesourería á devandita finalidade.

Por tanto, Baiona, cunha achega do seu remanente de tesourería de aproximadamente 100.000€ e a exención das taxas de terrazas do ano 2021, que ascendería a 90.000€, non pecha as portas á creación de novas partidas de axudas para os sectores máis castigados polas duras restricións impostas pola Xunta de Galicia, do mesmo xeito que manifestaron os alcaldes de Nigrán e Gondomar, en anteriores reunións con OVALMI e a xestora.