A pandemia de COVID agudizou as tendencias obsesivas e fóbicas

A incerteza, a ansiedade anticipatoria e o medo ao contaxio xeraron a aparición de fobias post confinamento e cadros de disforia e irritabilidade, segundo os especialistas en Saúde Mental. “A pandemia agudizou as tendencias obsesivas e fóbicas, como unha forma de defenderse e tentar controlar a angustia”, sinala Javier Carreño, psiquiatra de Povisa.

“Á primeira e segunda onda seguíronlle unhas mareas vivas de ansiedade, tristeza e desesperanza que as persoas exteriorizan dalgunha maneira con obsesións e fobias. Estes síntomas permiten aplacar o máis lacerante a nivel psíquico que non é o horror, a enfermidade ou a morte senón a incerteza”, indica o Dr. Carreño.

Os cadros previos de ansiedade e depresión agraváronse naquelas persoas que xa os padecían antes da pandemia polo illamento, a falta de vida social e as dificultades laborais.

Ademais da ansiedade, atópanse os medos, dificultades para durmir e alteracións do humor, que non se corresponden co comportamento habitual dunha persoa. Proba diso, é o aumento no consumo dos tóxicos con finalidade ansiolítica, sobre todo de alcol, e unha tendencia ao abuso da medicación.

Estes trastornos, con todo, non deben confundirse coa tristeza ou preocupación que provoca a crise sanitaria. “A tristeza non é unha patoloxía e o seu alivio principal é o contacto cos demais. Responde á privación dos afectos, a separación das familias, a falta de contacto físico cos seres queridos, o non poder realizar as actividades habituais e a inseguridade en termos de saúde e económicos”, remarca o Dr. Carreño.