O Rallye Recalvi Rías Baixas volve ao calendario nacional

FOTO: POWER STAGE MEDIA // Manuel Fernández no Tramo de Salceda.

O desexo de moitos afeccionados e equipos volve ser realidade. O Rallye Recalvi Rías Baixas abandona o campionato autonómico, no que estivo presente as dúas últimas tempadas (2020 aprazouse pola pandemia da Covid) e sobe de novo un chanzo para alcanzar o grao de proba nacional. Farao dentro da Copa de España de Rallyes de Asfalto – Recalvi, que así é como se chamará o novo certame que xorde da reordenación de campionatos que está a acometer a Real Federación Española de Automobilismo (RFEdeA). Coa Copa recupérase unha denominación que estivo vixente no automobilismo nacional entre finais dos anos 80 e principios dos 90 e da que xa formou parte no seu momento a cita viguesa.

O Rallye Recalvi Rías Baixas unirase así, neste 2021, aos rallyes de Narón, Cocido e Botafumeiro en Galicia, sumándose tamén a este certame outras citas coñecidas como os rallyes Sierra Morena, Princesa de Asturias, Llanes e La Nucía.

Tras algún tempo de espera, la Federación Española de Automobilismo deu o visto e prace ao novo calendario no que o Rallye Recalvi Rías Baixas será a terceira cita da tempada, prevista inicialmente para os días 29 e 30 de maio.

A pesar das novidades dadas a coñecer agora, a escuadra leva tempo traballando nesta nova edición que sairá adiante grazas ao apoio de Recalvi, principal patrocinador da proba e do Concello de Vigo, así como da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Traballos que se centran no percorrido, onde se prevén algunhas novidades, e na implementación das medidas necesarias en canto a seguridade sanitaria pola pandemia da covid-19.

A este respecto, a Escuadra Rías Baixas insiste en lembrar a todos a complicada situación que se está vivindo actualmente e que podería implicar cambios ou restricións nas próximas semanas. En tal caso, a organización pide a comprensión por parte de seguidores e participantes nunhas circunstancias tan especiais como as actuais, pero ante as que se está traballando para tratar de levar adiante a proba coa maior normalidade posible.