PP, Manifesto Miñor e BNG abandonan o pleno extraordinario de Gondomar

O Partido Popular de Gondomar abandonou o pleno extraordinario celebrado este luns ás 12 da mañá, despois de que o Alcalde tratase á súa voceira con un ton despectivo e nada acorde á situación que estaba debaténdose. O mesmo fixeron os membros de Manifesto Miñor e do BNG, os cales acusaron a Paco Ferreira de non saber respectar ás mulleres como persoas de igual condición aos homes.

Todo aconteceu no debate do sétimo punto, no que a voceira do PP gondomareño deu lectura a unha moción presentada para establecer axudas e reducións de impostos aos autónomos, Pemes e familias vulnerables de Gondomar. Segundo denuncian os populares, ao remate do debate o alcalde dirixiuse a Paula Bouzós nuns termos ofensivos e con desconsideración, tratando de menosprezar o seu traballo e pondo en dúbida a súa capacidade para poder desenvolvelo. Xa durante o debate Paula Bouzós recriminoulle á concelleira de Comercio, Rocío Goberna, o pouco que lle importaban as propostas que se estaban debatendo e que se estivera rindo das mesmas. Recórdanlle tamén á concelleira, que cando solicitaron o pleno xa incluíron no escrito que as indemnizacións deste pleno extraordinario ían ser doadas a entidades sociais, “ao contrario do que fan os concelleiros do partido socialista”.

Non entenden a actitude do concelleiro de Ciudadanos, que lonxe de solidarizarse coa concelleira e afearlle a actitude ao alcalde, lle solicitase o remate do pleno por non atoparse os demais concelleiros da oposición que presentaran as mocións que se tiñan que debater.

Non é a primeira vez que os membros da oposición pídenlle ao Alcalde de Gondomar que modere o seu discurso e que non trate con desconsideración ás mulleres polo feito de selo, “cousa que ven facendo en case todos os plenos celebrados nesta lexislatura”.

“Xa non podemos aguantar máis as faltas de respecto do alcalde nos plenos que levamos celebrado nesta lexislatura e temos que cortar dunha vez estes feitos. Pido ao Sr. Alcalde que cese nesta actitude e pida desculpas públicas por estes feitos”, remata dicindo Paula Bouzós.