O Centro Juan María forma a sete alumnos en mantemento de zonas axardinadas

O Concello de Nigrán facilita os seus espazos verdes para a realización de prácticas laborais do alumnado do CEE Juan María como parte do curso “Limpeza Viaria e Mantemento de zonas axardinadas”. Un total de 7 persoas mozas con discapacidade intelectual iniciaron onte esta actividade formativa dirixida a mellorar a súa empregabilidade no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020- “Uno a Uno-Ano 2020”. O curso consta de 366 horas e se estenderá ata o 23 de abril, combinando a formación teórica (201 horas) coa práctica matinal (165 horas) en zonas verdes do Concello de Nigrán e o Camping de Playa América, onde irán rotando.

“Desde o Concello de Nigrán consideramos que é o noso deber como administración facilitar todos os medios para a realización deste tipo de actividades formativas. Nós xa sabemos de primeira man que son os mellores traballadores porque os temos contratados para o mantemento das beirarrúas en Porto do Molle”, explica o alcalde, Juan González.

O proxecto busca fomentar as capacidades e competencias persoais, sociais e laborais destas 7 persoas co obxectivo de que desenvolvan unha actividade profesional da que obterán a súa correspondente acreditación final. Ao mesmo tempo, preténdese que adquiran competencias de cara á busca de emprego, acceso, e mantemento do mesmo, para o que contan con módulos formativos específicos.