Baiona é o único municipio da comarca do Val Miñor que non está a implementar iniciativas de apoio a un dos sectores máis afectados pola pandemia do Covid-19, o da hostalería. O goberno tripartito que xestiona o Concello non expuxo ata o momento ningunha medida que axude a estes establecementos para paliar os graves danos económicos que están a abocar á ruína a moitas familias do municipio tras case un ano de pandemia.
O goberno local que dirixe o socialista Carlos Gómez non só non buscou os mecanismos económicos, técnicos e legais necesarios para contribuír na medida do posible á recuperación económica senón que rexeitou as propostas expostas oficialmente polo grupo municipal popular ata en dúas ocasións.
O pasado mes de xuño de 2020 o PP presentou unha moción cun paquete de medidas que buscaban ofrecer beneficios fiscais ao comercio e a hostalería local dirixidas a mitigar os danos provocados polo peche obrigado do confinamento e as consecuencias posteriores, ademais de supoñer un incentivo para o consumo ao mellorar a saúde económica das familias de Baiona, pero practicamente ningunha delas foi tida en conta e aplicada.
Así, e continuando nesta liña, en novembro os populares tamén rexistraron unha batería de alegacións aos orzamentos para 2021 que PSdeG, BNG e Nós tamén desestimaron co seu voto en contra. Nelas, de igual maneira, expoñíase a posibilidade de aprobar exencións fiscais para 2021 en previsión das dificultades polas que seguirían atravesando tanto a hostalería como o comercio ao longo deste ano.
Para o grupo municipal popular esta é outra “irresponsabilidade” do goberno local cuxas consecuencias novamente recaen nos veciños emprendedores, no tecido económico local que ao longo destes anos foi motor económico e axudou a situar a Baiona no mapa turístico e gastronómico. “Agora son eles os que necesitan apoio e o Alcalde négallo”, opina o grupo municipal popular.

