O artista local “Gory” encherá de cor o novo skatepark de Gondomar

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Paco Ferreira e o artista local “Gory” no skatepark da Coelleira.

O artista local alcumado “Gory” e natural de Chaín será o encargado de poñer a nota de cor ao recentemente estreado, e non exento de polémica, skatepark de Gondomar. A iniciativa promete, e o proxecto que ao longo de 2021 pretende cubrir a totalidade do complexo que rolda os 500 metros cadrados comezou nunha das caras do bowl, onde rezará “skatepark de Gondomar” con letras de 50 centímetros de alto. “O que as dimensións da construción permítennos”, indica o muralista. Deste xeito, o Concello aposta pola arte urbana para cubrir zonas carentes de todo tipo de atractivo e teñen en mente proseguir en varias fachadas da localidade. “Isto é arte e cultura. Levamos anos promovéndoo”, indica o alcalde Paco Ferreira.

Á primeira obra nas instalacións, súmase un mural realizado cuns ferros de 7,2 metros de longo x 2 de ancho que se colocará na fachada do Centro de Desenvolvemento Local que dá á pista deportiva na Coelleira. Conta con moitas horas de traballo. “É un espazo dedicado aos grafiteiros e coa temática que a nós gústanos, ademais está cargado de moito simbolismo”, explica. Un home apuntándose a si mesmo cos dedos da man nunha tempa, aparece en primeiro plano cunha máscara como recurso utilizado polo artista para retratar á pandemia.

Este é o comezo, pero o alcalde Paco Ferreira asegura que o resultado final será sorprendente. “Gory”, pola súa banda, preferiu non desvelar os motivos que lle servirán para decorar o resto da construción pero adiantou que se apoiarán nas modalidades deportivas que alí se practican. “Estarán dedicadas aos bikers, rollers, scooters e skaters principalmente”, indica, á vez que matiza que a súa obra basearase en “volumes que se saen do lenzo de maneira impactante” sempre da súa cabeza á parede, sen persoais. “É como me gusta facelo”, finaliza.