O Vigo-Rías Baixas terá acento británico con Max Williamson

Por primeira vez o Vigo-Rías Baixas contará nas súas filas cun corredor británico. O inglés Max Williamson únese á estrutura presidida por José Luis Chamorro procedente do Eiser-Hirumet biscaíño. O ciclista de Scunthorpe, de 22 anos, confía no conxunto flúor como trampolín cara ao pelotón profesional.

Este representante do puxante ciclismo das illas anotouse en 2016 a vitoria na xeral da Volta a Pamplona júnior. Aquel triunfo foi a súa carta de presentación para probar fortuna ao ano seguinte no campo Elite-Sub23 español co Eiser-Hirumet, formación á que pertenceu durante as últimas catro campañas.

“Necesito gañar e obter bos resultados”, asevera Williamson, que aposta polo Vigo-Rías Baixas para cumprir o seu soño de dar o salto ao máximo nivel porque o considera “un gran equipo, con moita historia e moi profesional”. O seu terreo preferido é a media montaña e sente cómodo chegando ao sprint en grupos reducidos.

A posta a punto para a tempada 2021 está a realizala na súa terra natal, no condado de Lincolnshire, ao nordeste de Inglaterra. As restricións pola crise sanitaria impediranlle abandonar o seu país ata o mes de marzo.

A pesar dos espectaculares resultados logrados polos seus compatriotas nas carreiras máis importantes do mundo durante os últimos anos, Williamson explica que o “ciclismo español ofréceche moitas máis oportunidades para subir a profesionais. En Inglaterra aínda non é un deporte tan importante e non hai un calendario de carreiras para a corredores elite-sub23. Cando acabas a túa etapa como júnior, pasas directamente a competir con profesionais”.

A camisola do Vigo-Rías Baixas defendérono ciclistas de países como Sudáfrica, Uruguai, Costa Rica… e Williamson convértese no primeiro inglés na historia do club olívico. A súa fichaxe súmase á do galego Ángel Maneiro e ao do cántabro Miguel Ángel Fernández. A directiva pechou outras dúas incorporacións que desvelará nas próximas semanas.