“O alcalde de Gondomar incumpre a súa palabra e non leva a pleno as axudas para a hostalería”

O Partido Popular de Gondomar critica ao alcalde, Juan Francisco Ferreira, por faltar á súa palabra e non adoptar ningunha medida de axuda á hostalería como prometera. O pasado 16 de decembro o alcalde anunciou nas redes sociais e na páxina Web do Concello de Gondomar que viña de manter unha xuntanza coa comisión xestora da hostalaría do Val Miñor, así como con representantes de OVALMI, para seguir traballando nas medidas que se poderían poñer en marcha por parte do Concello para axudar ao sector ante a crítica situación que está atravesando como consecuencia da pandemia.

O alcalde comunicoulles que o goberno destinaría 100.000 euros do seu remanente de tesourería para facilitar as axudas ou bonificacións necesarias tanto ao sector da hostalería da localidade como do autotaxi, e outros afectados polas restricións impostas como consecuencia da Covid19. No encontro, ao que tamén asistiu a concelleira de Comercio, Rocío Goberna, anuncioulles que as bases da convocatoria destas axudas serían aprobadas no pleno ordinario da corporación municipal que se celebraría o 7 de xaneiro.

“Juan Francisco Ferreira minte e engana cada vez mais á cidadanía de Gondomar e isto non é permisible. Debería ter convocado o pleno que lle solicitamos para adoptar medidas de axuda á hostalería, e o que fai é reunirse cos hostaleiros e mentirlles á cara con todo o descaro e sen inmutarse”, argumenta Paula Bouzós.

O pasado venres día 8 de xaneiro celebrouse o pleno ordinario deste mes e o único punto da orde do día foi a aprobación do regulamento do punto limpo, o cal foi aprobado co voto favorable do PSOE e Ciudadanos. O Partido Popular votou en contra, sobre todo porque dito regulamento abre a porta ao cobro dunha taxa polo uso do punto limpo, algo que os concelleiros populares non aceptan baixo ningún concepto. “Faltando á súa palabra, como acostuma facer, o alcalde Juan Francisco Ferreira non levou ningunha medida de axuda á hostalería e aos comerciantes de Gondomar, que si se debateran no pleno extraordinario solicitado por toda a oposición para retomar as mocións que quedaron sen tratar no pleno de decembro”.

O Partido Popular de Gondomar presentou por rexistro, o pasado 22 novembro, dúas mocións para o seu debate no pleno do mes de decembro, nas que solicitaban axudas e bonificacións de impostos municipais para autónomos, Pemes e artistas. Como nese pleno non se chegaron a debater, toda a oposición presentou ao día seguinte unha solicitude de pleno extraordinario para poder tratar estas e outras mocións que quedaron pendentes. O alcalde non convocou o pleno solicitado e foi o secretario municipal quen, atendendo á lei, convocou o pleno para o 18 de xaneiro ás 12 da mañá.

Nas mocións piden cambios legais no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que permitan que se poidan aplicar bonificacións adicionais ás xa existentes en diversas figuras tributarias locais (IBI, IAE, IVTM,…), co obxectivo de axudar a paliar os efectos da crise en distintos ámbitos empresariais e profesionais”, e o establecemento de axudas e reducións de impostos aos sectores afectados polo Covid-19, como son unha liña de axudas para estes sectores, así como a bonificación dos impostos do IBI, IAE, e da rodaxe. Tamén pide a supresión das taxas de terrazas e redución das taxas de recollida de lixo, saneamento, auga e concesións administrativas.

“Moitas destas demandas, xunto con outras para todas a poboación afectada, xa foron presentadas no pleno do pasado mes de xullo e rexeitadas co voto en contra do PSOE, argumentado o alcalde Francisco Ferreira que había medidas que xa estaba estudando a interventora e que en setembro íase constituír unha comisión que aparte da reconstrución económica ía engadir o medio ambiente, a saúde, etc. Seis meses despois aínda non sabemos nada de todo isto e as consecuencias estanas pagando os autónomos, Pemes e todos os veciños de Gondomar”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño.