“O skate park de Gondomar xa fai augas apenas un mes despois de rematado”

O recen estreado skate park de Gondomar xa necesita varias obras de reparación un mes despois de rematado e entregado ao Concello de Gondomar. En concreto estaban facendo reparacións pola caída de varios treitos de revestido, recheo de gretas e pola oxidación das tubaxes empregadas nos perfís da construción.

O pasado 23 de novembro o Partido Popular de Gondomar xa advertira por escrito ao Concello que na obra do skate park que estábase executando na contorna do parque da Coelleira non se estaba cumprindo co especificado no proxecto técnico. En concreto denunciábase que en lugar de facer os muros de formigón armado estábanse levantando muros de bloque prefabricado, o que para os populares supuña un incumprimento do contrato. Ademais consideraban que a solución de facer os muros de bloque prefabricado e despois revestir con morteiro non é a solución máis axeitada para este tipo de construcións.

Este venres 25 de novembro, e unha vez que o Concello tivo coñecemento desta incidencia, o Arquitecto e Director da obra presenta un proxecto modificado, recollendo no mesmo a solución construtiva que se estaba realizando sen que supuxera un cambio no prezo da mesma. Tampouco se comunicou a Augas de Galicia o cambio de solución construtiva no proxecto de construción, tal e como está reflectido na autorización emitida pola mesma.

O Concello adxudicou o pasado 30 outubro a construción do skate park á empresa ZONA DE OBRA O ROSAL, S.L. por importe de 63.499,59 euros, cun prazo de execución de tres meses e unha garantía total de 6 anos. A obra está totalmente subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra e foi certificada, recepcionada e pagada o pasado 30 de novembro, a pesar de seguir en obras días despois.

“As presas e a falta de seguimento das obras por parte do goberno municipal trae agora estas consecuencias. Volvemos a reiterar as nosas denuncias da falta de previsión do goberno municipal que fai as cousas ás presas e correndo. Cabe recordar que este é o goberno máis caro da historia de Gondomar e con máis dedicacións exclusivas que nunca”, argumenta Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño.