Centenares de persoas visitan a “cabalgata estática” de Baiona

O Concello de Baiona decidiu este ano modificar a súa tradicional Cabalgata de Reis, que habitualmente percorría as súas rúas máis importantes o 5 de xaneiro, e deseñou unha versión de “cabalgata visitable e estática”, coas tres carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar, que os veciños e veciñas puideron admirar desde certa distancia no Parque da Palma. Desta maneira, as Súas Maxestades estiveron toda a tarde saudando a todas as persoas que pasaron polo percorrido marcado, controlado e coas pautas de seguridade establecidas.

Así mesmo, para garantir que ninguén quedase sen ver aos Reis Magos e co fin de evitar aglomeracións o propio día 5 de xaneiro, un día antes, o 4 de xaneiro, a Comitiva Real desprazouse ata distintos puntos nas parroquias baionesas. Así, as Súas Maxestades estiveron no Cruceiro do Barrio Cancelo en Baredo, na rotonda do CEIP Fontes-Baíña en Baíña, na chaira do CEIP de Belesar en Belesar e na Praza Victoria Cadaval de Sabarís.

En cada carroza, unha plataforma de 9 metros, estiveron nos seus tronos os Reis Magos para que os nenos puidesen velos, acompañados dos seus respectivos paxes. En todos os puntos creouse un corredor para que os nenos e nenas puidesen achegarse sen risco nin para eles nin para os Reis, mantendo sempre todas as medidas de seguridade ditadas polo protocolo COVID.

En canto aos habituais caramelos, este ano non foron lanzados desde as carrozas, senón que foron distribuídos polos paxes dos Reis Magos en bolsas individualizadas. Os paxes tamén foron os encargados de facer chegar á Comitiva Real as cartas de última hora daqueles nenos e nenas que quixeron facerllas chegar ás Súas Maxestades de Oriente.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.