Nigrán pecha a programación de Nadal co concerto de Xardín Desordenado

O Concello de Nigrán ofrece como colofón final á programación cultural de Nadal o concerto de Xardín Desordenado mañá 6 de xaneiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal con entrada limitada ao aforo sanitario. Trátase dunha banda viguesa de músicos de distintas orixes pero co jazz como punto común, dedicándose a musicar poetas galegos baixo ritmos desde o swing e blues ata a bossa nova e o bolero. Nesta ocasión desenvolverán un concerto homenaxe a Carvalho Calero, o autor ao que se lle dedicou o Día dás Letras Galegas 2020 (o concerto estaba previsto para o maio e despois outubro pero foi suspendido en ambos casos por mor das restricións sanitarias). Os asistentes poderán gozar de poemas dos seus libros “Futuro condicional”, “Cantigas de amigo e outros poemas” e “Reticencias”, ademais, o espectáculo complétase con poemas de escritores que tamén foron designados para o Día das Letras Galegas noutras edicións.