Ferreira pide á Xunta investimentos en saneamento e infraestruturas para Gondomar

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, entrevistouse este luns coa responsable de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, para ultimar a ampliación da EDAR (planta de depuración), levar a cabo a mellora da rede de saneamento municipal, investimentos para o Polígono Industrial de A Pasaxe, o transporte público e a remodelación da intersección da Avenida Elduayen coa PO-331 e PO-340.

O encontro mantido entre o rexedor gondomareño e a conselleira de Infraestruturas, Vivenda e Solo comezou amosando o agradecemento do alcalde pola xestión levada a cabo pola conselleira e o seu equipo, tanto no referido ao transporte de viaxeiros, como o investimento que supoñerá para Gondomar que a Xunta de Galicia siga xestionando a depuradora de saneamento municipal por outros catro anos máis, aínda que tamén o rexedor manifestou o seu descontento por non incluír o goberno autonómico no seu novo orzamento investimentos específicos para Gondomar, o que obrigou a presentar emendas ao mesmo.

A xuntanza tamén serviu para que o alcalde propuxera á conselleira de Infraestruturas a necesidade de remodelación da rotonda da Avda. Elduayen, concretamente a intersección entre esta e as estradas autonómicas PO-331 e PO-340, un punto no que se xeran importantes atascos e problemas de seguridade viaria, ao ser un lugar con moita afluencia de tráfico rodado, incluíndo o transporte pesado e o público de viaxeiros e escolar, e dada a súa actual morfoloxía, a fluidez é moi difícil debido ao mínimo espazo de carrís.

Remodelación da que xa o Concello encargou e elaborou un proxecto “que pasa pola reconfiguración da área, incrementando os espazos de relación e desprazando o eixo da rotonda, incrementándose así a superficie e o radio de xiro, facilitando a entrada e a circulación de máis vehículos e manobra de camións e autobuses”. A reforma completaríase coa creación dun carril directo de comunicación Ramallosa-Tui que non teña que pasar pola rotonda, aliviando así a cantidade de tráfico que diariamente atravesa este punto.

Por outra banda, tamén pediu á Xunta de Galicia que dote de iluminación a estrada PO-331 no tramo de Pego Negro ata o centro urbano, competencia do goberno galego, así como modernizar as luminarias no tramo da PO-340 que transcorre entre Gondomar e A Ramallosa.

A conselleira e o alcalde tamén puxeron sobre a mesa as obras que se están executando na PO-331, ao seu paso polo Polígono da Pasaxe, coas que o goberno galego quere poñer fin a este punto negro circulatorio. Obras que se coordinaron entre ambas administracións e que xa formarán parte da urbanización do futuro Polígono de A Pasaxe , polo que Paco Ferreira demandou da Xunta de Galicia o seu financiamento para liberar economicamente aos empresarios da parte proporcional que lles tocará pagar.

Por último, respecto ás novas liñas de transporte postas en marcha recentemente na comarca coa entrada da nova concesionaria, o alcalde solicitoulle incrementar as frecuencias ata o 10% que permite o contrato, a implantación da tarxeta gratuíta “Xente Nova” para os menores de 21 anos, e asinar o convenio de transporte metropolitano para a redución de tarifas e melloras para a veciñanza.

O alcalde Paco Ferreira mostrouse satisfeito tras o encontro coa conselleira, que quedou de estudar con detemento cada unha das iniciativas trasladadas polo rexedor.