Falece outro usuario da Residencia Vila do Conde de Gondomar con Covid-19

Un home de 80 anos de idade que fora diagnosticado por coronavirus faleceu este martes na Residencia Vila do Conde de Gondomar. Segundo informou a Consellería de Sanidade, tiña patoloxías previas. Con este, xa son 12 os usuarios e usuarias do centro situado na parroquia de Vilaza os que morreron con Covid-19. Tres mulleres faleceron no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e tres homes e outras seis usuarias na propia residencia. O Sergas comunicou hoxe un total de 6 persoas falecidas que foran diagnosticadas por coronavirus. Ademais do usuario da residencia gondomareña, morreron dúas mulleres e un home no Chuvi, de 94, 83 e 49 anos respectivamente, un home de 86 anos no Chuf e unha muller de 93 anos no Chus.