O Concello de Gondomar esixirá reforzar e mellorar as liñas eléctricas tras quedar sen luz en plena Noiteboa as parroquias de Peitieiros, Couso, Morgadáns e Chaín. “Esixiremos que non só sexa cuestión de informar dunha avaría nun transformador e substituílo por un xerador despois de moitas horas sen electricidade”, sinala o alcalde, Paco Ferreira. Así mesmo, reclamará indemnizar aos afectados, “que desgraciadamente non puideron facer vida normal, en días excepcionais como estes”.
Centos de familias non puideron cociñar, ducharse, quentar o seu fogar ou celebrar o Nadal, quedándose sen cea e vendo como os seus conxeladores convertíanse en auga. “Desde o Concello vimos esixindo á empresa Fenosa a modernización e o mantemento da acometida eléctrica, un estudo das deficiencias das liñas no municipio, coa esixencia aos afectados das indemnizacións que resulten, poñendo ao dispor dos mesmos os medios necesarios para a formalización das preceptivas reclamacións”, afirma Ferreira.
“De igual maneira, unha vez máis, instamos á Xunta de Galicia -Consellería de Industria- que abran unha investigación e inicien a apertura de expediente á subministradora en aras de dirimir responsabilidades e danos e prexuízos aos veciños afectados, entre eles en propio Concello. Desde o goberno municipal poñeremos a disposición os medios necesarios e daremos todo o noso apoio, para que ningún veciño quede sen formular a posibilidade de facer a súa reclamación”, conclúe o rexedor.

