O alcalde de Baiona asegura que o paseo da Foz repararase en 2021

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A parte colapsada veu abaixo non sen antes avisar, do mesmo xeito que está a ocorrer no resto do conxunto.

Unha das materias pendentes de Baiona en materia de obra pública é sen dúbida a reparación do maltreito paseo da Foz, cuxo tramo final leva valado máis de dous anos tras o derrube parcial da estrutura. Un conflito de competencias sumado ao importe necesario para a súa renovación provocou que a situación se enquistase ata o punto de que a zona restrinxida ao tránsito peonil pasou a formar parte da paisaxe habitual do núcleo baionés.

Con todo, isto podería cambiar en breve e é que o proxecto de renovación podería aprobarse durante o primeiro trimestre do 2021, ou polo menos isto é o que asegura o alcalde Carlos Gómez. Segundo adiantou, o luns pasado mantivo unha conversación telefónica co xefe provincial de Costas, Enrique Fernández, que lle confirmou que están á espera do visto e prace de Madrid, “que é quen autoriza”, a pesar de que a partida necesaria non figure nos Orzamentos Xerais do Estado.

Unha cuestión detectada e que novamente foi recriminada polo PP local, tras denunciar nun comunicado a negativa efectuada polo PSdG e Podemos á emenda para incluíla no documento a pedimento dos parlamentarios da agrupación política por Pontevedra, e deste xeito asegurarse preto do millón de euros necesario para efectuar as actuacións consideradas por moitos de emerxencia.

O rexedor, pola súa banda, saíu ao paso das críticas acusando aos populares de “demagogos”. “Saben dabondo que Fomento ten unha partida xenérica para arranxos e actuacións diversas, pero para recorrer a ela fai falta aprobar os orzamentos e este feito non se produciu grazas ao PP precisamente”, apostilou Gómez.

O certo é que para o paseo instalado en primeira liña das marismas da Foz, o tempo xoga na súa contra e a deterioración está a estenderse a pasos axigantados ao resto do tramo final que carece de dique. As gretas, afundimentos e fendas que se están abrindo no chan cobran aquí un valor premonitorio, xa que son un claro síntoma de que o interior da estrutura está a baleirarse e que, de non actuar a tempo, case con toda seguridade acabará colapsándose provocando unha situación similar á vivida en novembro de 2018.

Debido ao avanzado estado de deterioración estrutural que sofre o conxunto, a única opción válida será a demolición total do espazo comprendido entre o fin do dique e a rampla de acceso ao río, que corresponde a 300 metros de construción, para posteriormente reasentar o paseo sobre o conxunto rochoso que fará as funcións de rompeondas impedindo que o recheo interior sexa arrastrado polas mareas. Unhas actuacións que roldarán o millón de euros e que descartan unha de inferior magnitude exposta en 2019 unicamente sobre o espazo derruído e proximidades. Unha vez finalizados os traballos devolverase o bo aspecto a un percorrido que a diario é utilizado por centenares de persoas.