Nigrán incorpora a batucada de “Latexo” a toda a programación cultural itinerante polas parroquias

O Concello de Nigrán continúa este fin de semana coa xira itinerante polas parroquias de Teatro do Ar, Rei Midas e Voltereta e Volvoreta e engade o sábado en Panxón a batucada do grupo de raigame local “Latexo” con motivo da proba deportiva non competitiva dos “Arroases” ás 11:00 horas. Os amantes da natación en mar da comarca (só os de dentro do perímetro sanitario de Nigrán) disputarán a modo festivo unha proba de 1.500 metros que vai desde o peirao ata Gaifar. Entre os protocolos sanitarios figura un máximo de 100 participantes que deberán levar máscara e distancia de seguridade en todo o percorrido non acuático. Esta terceira xuntanza cumpre novamente un obxectivo solidario, xa que a inscrición consiste en doar alimentos non perecedoiros para que os Servizos Sociais os distribúan a través do Banco Municipal de Alimentos.

A maiores, e sempre con todos os espectáculos ás 17:00 horas, Teatro do Ar ofrece “Edificio 40” o sábado 26 no Torreiro de Priegue e o domingo 27 no C.C. Parada do Miñor; Rey Midas, pola súa banda, estará coa súa maxia o sábado na A.V. de Panxón (Porqueira) e o domingo no Centro Cultural A Camoesa e, finalmente, Voltereta e Volvoreta levarán o contacontos “Un Nadal para contar” o sábado ao Auditorio Municipal e o domingo á A.V. Chandebrito. Toda esta programación municipal ten unha temática de Nadal e está pensada para un público infantil. Pola súa banda, o luns 28 o Pallaso Popín estará na A.V de Chandebrito, Rey Midas no Torreiro e Voltereta e Volvoreta na Camoesa.

A oferta cultural do Concello está 100% formada por artistas do municipio despois de que abrise unha liña de contratación específica como axuda ao sector. A maiores, e pensado noutro tipo de público, terán lugar na Praza do Concello ás 19:00 horas o concerto de Backup Souls (30 de decembro), e a actuación de Peter Punk na Praza Rosalía de Castro (4 de xaneiro ás 17:00 horas).

Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os mesmos eventos para non exceder aforos e evitar concentracións se levará a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, a colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.

“É unha programación 100% feita por artistas de Nigrán, centrada sobre todo nos cativos e, como non pode ser doutro xeito, adaptada á realidade sanitaria coas máximas garantías de seguridade”, incide o alcalde, Juan González, quen insiste en que “máis que nunca, se trata de ofrecer algo de alegría nunhas datas con moito contido emocional e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural e de ocio do municipio”.